PARLAMENTO DE GALICIA

Menu de navegación.


O Parlamento, adherido ao rexistro comunitario de xestión ambiental Emas


O Parlamento de Galicia está adherido ao Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Ambiental –EMAS- que recoñece a política ambiental da Cámara autonómica. Deste xeito, en todo o Estado tan só a Cámara galega e o Parlamento de Andalucía posúen esta certificación.

A adhesión ao rexistro EMAS acredita o compromiso coa xestión ambiental aplicado no Parlamento de Galicia no programa “Por un Parlamento máis verde”, que tamén foi certificado baixo a norma internacional ISO 14001. O rexistro comunitario acredita que a institución cumpre cos requisitos do Regulamento CE 761/2001, como ter superada unha auditoría ambiental, a aplicación dun sistema de optimización enerxética, contar entre os seus obxectivos coa promoción, coa xestión e coas boas prácticas entre os traballadores e as empresas prestadoras de servizos e ofrecer un programa de divulgación e educación ambiental.

A solvencia do sistema de xestión ambiental do Parlamento de Galicia, que se aplica a todas as súas actividades, procesos, produtos e servizos, permite evitar a emisión dunha media de 4.000 toneladas de CO2 á atmosfera en cada lexislatura.

O Parlamento de Galicia ten acreditada a posta en funcionamento do novo sistema de climatización xeotérmica de alta eficiencia enerxética, que consta de 18 pozos que ofrecen 150 kW de potencia térmica en calor e 125 en frío. Ademais, a Cámara abastécese con enerxía solar térmica e fotovoltaica e dispón de elementos de eficiencia e aforro enerxético na iluminación -detectores de presenza e lámpadas de baixo consumo- e no consumo de auga.

A Cámara galega aplica, simultaneamente, un programa de recollida de residuos, que inclúe un punto limpo de reciclaxe que clasifica tóner e tinta de impresora, material informático, envases lixeiros, vidro, papel, cartón, pilas, chatarra, madeira, lámpadas, aceites industriais, pinturas e resinas e aparatos eléctricos e electrónicos.

O Programa de xestión ambiental do Parlamento de Galicia foi auditado e certificado pola empresa Bureau Veritas Certification, homologada pola UE para poder adherirse ao rexistro de ecoauditoría comunitario EMAS e adquirir a certificación ISO 14001.

IMAXES RELACIONADAS


© Parlamento de Galicia, 2007 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408