PARLAMENTO DE GALICIA

Menu de navegación.


A climatización xeotérmica chega ao Parlamento de Galicia

A presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino Santiago, presentou hoxe as instalacións do sistema de climatización xeotérmica da Cámara autonómica, que consiste en 18 pozos de 125 metros de profundidade que extraen calor e frío do subsolo para climatizar o 23 por cento do edificio. A presidenta da Cámara recibiu a visita institucional da presidenta do Parlamento de Navarra, Elena Torres, e os membros da Mesa, que coñeceron as medidas aplicadas pola Cámara dentro do Plan de Optimización Enerxética e de Enerxías Renovables.
 
A presidenta da Cámara autonómica amosouse “orgullosa” do resultado da aposta da Cámara autonómica pola Xestión Ambiental, que permitirá reducir as emisións de CO2 en 4.000 toneladas nunha lexislatura, sendo ademáis pioneiros na utilización da xeotermia por parte dunha institución nunha superficie importante en España. Pola súa banda, a titular do Parlamento de Navarra asegurou que a visita busca “ver o proxecto, ver cómo funcionou, ver a instalación dende o seu inicio para no posible facer unha copia nos nosos parlamentos”.
 
Villarino explicou que esta medida forma parte da aplicación de enerxías renovables e de eficiencia enerxética posta en marcha pola Cámara autonómica que permitirá reducir as emisións de CO2 en un  total de 4.000 toneladas nunha lexislatura. Este programa inclúe a instalación de placas solares fotovoltaicas ou placas solares térmicas, así como medidas de aforro e eficiencia enerxética, como a instalación de lámpadas de baixo consumo ou detectores de presenza para a iluminación.
 
A Cámara, dixo, é tamén pioneira na aplicación dun sistema de Xestión Ambiental que supón a redución dun 80 por cento no consumo de papel -17,5 millóns de páxinas de papel ao ano-, a instalación dun Punto Limpo de recollida selectiva de residuos, un plan de aforro de consumo da auga e un programa de educación e sensibilización medioambiental.
 
As presidentas dos parlamentos autonómicos visitaron a sala de control deste sistema pioneiro que permite xerar 150 kw de potencia para calefacción e 130 kw destinados á refrixeración. En total, a Cámara autonómica poderá extraer do chan un millón de kwh nunha lexislatura, reducindo as emisións de CO2 en 1.300 toneladas.
 
A visita deriva do compromiso acadado pola presidenta da Cámara galega coa presidenta do Parlamento de Navarra logo da presentación por parte de Villarino do Plan de Optimización Enerxética na xuntanza da Conferencia de Presidentes e Presidentas de Parlamentos Autonómicos –Coprepa- Celebrada en Madrid no pasado mes de abril.
 
A visita institucional consistiu nunha visita ás instalacións da Cámara autonómica para ver as medidas de optimización enerxética aplicadas dentro do Plan de Optimización Enerxética e de Enerxías Renovables. As mesas dos dous parlamentos tiveron tamén un encontro institucional no que a presidenta da Cámara Navarra asinou o seu saúdo no Libro de Honra do Parlamento de Galicia.

IMAXES RELACIONADAS


© Parlamento de Galicia, 2007 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408