Climatización xeotérmica
O Parlamento de Galicia comezou as obras de perforación nos xardíns da institución para a instalación do sistema de calefacción. A Cámara autonómica climatizará mediante este sistema un 23 por cento do edificio, superando en tres puntos as recomendacións do Plan de Acción sobre Eficiencia Enerxética da Comisión Europea para o aforro enerxético e o uso de enerxías limpas.
A Cámara autonómica é o primeiro edificio do seu volume en Galicia e un dos primeiros edificios públicos no Estado que instala un sistema de xeotermia que permite xerar máis de 100 kw de potencia destinada á climatización, e que constitúe a primeira gran experiencia nun edificio público relevante. En total, a Cámara autonómica poderá extraer do chan un millón de kwh nunha lexislatura, reducindo as emisións de CO2 en 1.300 toneladas.
As máquinas perforadoras realizarán un total de 18 pozos de máis de 125 metros de profundidade cada un para integrar un circuíto de auga pechado dende as oficinas ata o fondo dos pozos, onde hai unha temperatura constante de 15,5 graos, de acordo co estudio realizado para o Parlamento polo Grupo de Hidroxeoloxía e Xeotermia da Facultade de Ciencias de Ourense –Universidade de Vigo-.
A xeotermia permite producir calor en inverno e frío no verán, sendo unha das tecnoloxías máis eficientes que existen na actualidade como sistema de climatización ao aproveitar a calor residente no subsolo terrestre. O sistema emprega un intercambiador de calor que permitirá obter calor no inverno e frío no verán coa calor extraída do subsolo, que será integrada no sistema de climatización do edificio.
Esta medida forma parte da aplicación de enerxías renovables dentro do Plan de Optimización e Eficiencia Enerxética posto en marcha polo Parlamento de Galicia na presente lexislatura, e que inclúen a instalación de placas solares fotovoltaicas ou placas solares térmicas. Este programa tamén contempla medidas de aforro e eficiencia enerxética, como a instalación de lámpadas de baixo consumo ou detectores de presenza para a iluminación.
A Cámara é tamén pioneira na aplicación dun sistema de Xestión Ambiental que supón a redución dun 80 por cento no consumo de papel, a instalación dun Punto Limpo de recollida de residuos, un plan de aforro de consumo da auga e un programa de educación e sensibilización medioambiental. Estas medidas, que integran o programa “Por un Parlamento máis verde”, permitirán que a Cámara autonómica reduza as emisións de CO2 nun total de 4.000 toneladas nunha lexislatura.