Certificación Europea de Xestión Ambiental
A presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino Santiago, anunciou na Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos –Coprepa- que Cámara autonómica opta á certificación europea de xestión medioambiental EMAS –Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría- porque xa cumpre cos requisitos necesarios. Así o dixo na xuntanza da Coprepa, na que presentou o compromiso de Política Ambiental da Cámara autonómica que ven de ser aprobado pola Mesa do Parlamento e é o paso previo indispensable para percibir o devandito certificado.
A Cámara está a piques de recibir a devandita certificación -que recoñece as institucións comprometidas co medio ambiente coa implantación dun sistema de xestión verde-, dixo Villarino, porque cumpre cos requisitos como son a implantación do sistema de xestión ambiental. O Parlamento de Galicia tamén cumpre coa necesidade de aplicar un programa de uso de enerxías renovables e de eficiencia enerxética, un plan de aforro de auga, a posta en marcha dun Punto Limpo na Cámara, a aprobación dunha política medioambiental e ter establecido un programa de comunicación e divulgación das actuacións medioambientais e ecocontratación.
Villarino explicou que o compromiso de Política Ambiental permite acadar a certificación comunitaria e a creación dun Comité de Xestión Medioambiental. A institución amosa así o seu compromiso co desenvolvemento sostible, asumindo a súa responsabilidade activa na procura dun medio ambiente mellor e a de concienciar e sensibilizar a poboación na loita fronte ao cambio climático.
Neste sentido, dixo que a Cámara galega amosa a vontade inequívoca de manter e mellorar de maneira continua o comportamento ambiental da institución mediante a implantación e mantemento deste Sistema de Xestión Ambiental, establecendo obxectivos e metas ambientais mediante o proceso de revisión anual.
Tamén se comprometeu a cumprir coa lexislación medioambiental aplicable, superando as súas prescricións cando sexa posible e promovendo a adaptación á normativa futura dunha forma eficaz e eficiente. O Parlamento de Galicia incluirá as consideracións ambientais nas decisións de xestión orientadas á conservación e aforro dos recursos e boas prácticas ambientais, adoptando procesos de redución, reutilización e reciclaxe de residuos.
Finalmente, esta declaración determina que a institución fomentará a participación, implicación e o sentido de responsabilidade ambiental de tódalas persoas que traballan na institución e a difusión da política institucional para sensibilizar e concienciar nos valores que promoven a protección e mellora medioambiental e saúde do planeta.
Dixo que os parlamentos autonómicos deben de acadar o compromiso activo para adaptar as súas sedes ás mellores prácticas medioambientais e servir de difusión e exemplo ao resto da cidadanía.
A presidenta da Cámara autonómica participa na xuntanza da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos –Coprepa-, que comezou hoxe en Madrid e rematará mañá coa aprobación de Madrid, centrada nesta ocasión no compromiso co Medio Ambiente e baseada na Declaración sobre Cambio Climático presentada pola Cámara galega e aprobada pola Conferencia de presidentes de Asembleas Lexislativas Europeas en Berlín en outubro.
A xuntanza rematará mañá venres coa visita ao Centro de Interpretación da reserva da biosfera da Sierra del Rincón –Montejo de la Sierra-, onde presentarán a Declaración 2008.