VOTO EMIGRACION
O GRUPO POPULAR PRESENTARÁ UNHA PREGUNTA SOBRE A TRAMITACIÓN NO CONGRESO DA PROPOSICIÓN DE LEI APROBADA EN 2008 POLO PARLAMENTO GALEGO PARA QUE OS EMIGRANTES VOTEN EN URNA
• O portavoz parlamentario do PPdeG resaltou que ao longo deste ano o seu partido seguiu a senda iniciada en 2006, “coa presidencia de Núñez Feijóo, ao que despois os galegos puxeron na Xunta de Galicia como presidente”, de “renovación e de tentar achegarse á xente o máximo posible”.
Santiago, 1 de marzo de 2010.- O Grupo Popular presentará unha pregunta en Pleno pola vía de urxencia sobre cál é a situación da tramitación para o seu debate no Congreso dos Deputados da Proposición de Lei aprobada en 2008 polo Parlamento Galego para que os emigrantes voten en urna. O portavoz do Grupo, Manuel Ruíz Rivas, lembrou hoxe que “parece que todos os intentos que desde este Parlamento se fixeron para dignificar os votos dos emigrantes non foron tidos en conta e non sabemos nada do que pretende o Goberno de Rodríguez Zapatero nin daquela proposición a tramitar diante do Congreso dos Deputados para reformar o voto do residente ausente”.
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Grupo Parlamentario, Ruíz Rivas lembrou tamén que hoxe hai un ano o PPdeG acadou a maioría dos votos dos galegos aquí residentes, “dato importante á hora de enxuizar determinadas políticas que teñen os seus destinatarios únicos e finais na Comunidade”. O deputado reiterou que no ano transcorrido desde o 1 de marzo de 2009, abríronse “as esperanzas de moitos galegos de mellorar a súa realidade”, para o que o Goberno de Núñez Feijóo o primeiro que fixo foi “ser consciente de onde estamos e traballar para transformar esa realidade”. O que era “imposible”, engadiu, era “transformar o País das Marabillas”, en referencia ao irrealismo do Goberno anterior, polo que “o que había que facer era ter os pes no chan, que é o que fixo este Goberno”, que adoptou “as medidas oportunas, sobre todo para que os cartos dos galegos non sirvan para sufragar gastos de Goberno, senón necesidades dos cidadáns”.
PRETO DOS CIDADÁNS
O portavoz parlamentario do PPdeG resaltou que ao longo deste ano o seu partido seguiu a senda iniciada en 2006, “coa presidencia de Núñez Feijóo, ao que despois os galegos puxeron na Xunta de Galicia como presidente”. Unha senda de “renovación e de tentar achegarse á xente o máximo posible”. Lonxe de optar “polo continuísmo ou pola euforia desmedida, o que se fixo é continuar polo mesmo camiño de dar participación á sociedade, a través da renovación do propio partido”, mediante congresos rexional e provinciais e “incidir moito máis na idea de que temos que estar preto dos cidadáns para escoitalos e para iso temos que ter un partido áxil e renovado”.