REFORMA LEI SOLO
O GRUPO POPULAR AMOSA A SÚA “MÁXIMA DISPOSICIÓN, NUN MARCO DE RESPECTO E LEALDADE” PARA QUE O DEBATE DE REFORMA DA LEI DO SOLO DO VINDEIRO PLENO MANTEÑA O NIVEL DE CONSENSO ACADADO NA SÚA ELABORACIÓN
• Os populares non entenden a postura do BNG, que solicitará a devolución do texto, o que contrasta co apoio á reforma que fixo no pasado o vicepresidente da FEGAMP, pertencente a esa formación.
• O portavoz parlamentario do PPdeG lembrou que a modificación permitirá regular máis de 30.000 núcleos de poboación do rural galego, dando unha mellor resposta á diversidade do sistema de asentamentos de Galicia e xustificou a urxencia na tramitación pola necesidade de axilizar planeamentos municipais e de coordinala coas Directrices de Ordenación do Territorio e co Plan de Ordenación do Litoral.
• As emendas presentadas polo Grupo Popular pretenden reforzar os obxectivos da reforma en aspectos como a reorientación competencial, a mellora das condicións de asentamento para novas vivendas e explotacións e actividades de apoio agropecuarias ou a adaptación da norma á actual situación de crise económica, ampliando o prazo para caducidade de licencias de obra, o que suporá un apoio ás finanzas municipais.
Santiago, 19 de febreiro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular amosou hoxe a súa “máxima disposición, nun marco de respecto e lealdade” para conseguir que o debate sobre o proxecto de lei de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, coñecida como Lei do Solo, que terá lugar no vindeiro Pleno da Cámara, manteña o nivel de consenso acadado na súa elaboración. Así o puxo de manifesto esta mañá en rolda de prensa o portavoz dos parlamentarios galegos, Manuel Ruíz Rivas, quen considerou que o acordo logrado polo presidente da Xunta co presidente da FEGAMP demostra que o Goberno de Núñez Feijóo “prioriza o diálogo nas cuestións fundamentais” e non debe “caer en saco roto” para ningún dos partidos.
Acompañado polo voceiro de Ordenación do Territorio do seu Grupo, Román Rodríguez, Ruíz Rivas reafirmou que o seu partido aposta decididamente por un urbanismo “sostible, transparente e froito do consenso”, como proba o feito de que o texto redactado pola Xunta foi remitido, ademais de á FEGAMP, ao Consello Económico e Social e ás diversas entidades relacionadas coa súa aplicación, así como aos grupos parlamentarios, e que no texto definitivo se introduciron as alegacións presentadas por varios organismos. Así mesmo, salientou o acordo institucional asinado pola Xunta e a FEGAMP para a reforma da lei, no que se basea o proxecto que será debatido o vindeiro martes. Nese sentido, os populares non entenden a postura do BNG, que solicitará a devolución do texto, o que contrasta co apoio á reforma que fixo no pasado o vicepresidente da FEGAMP, pertencente a esa formación. Ruíz Rivas lembrou, a ese respecto, que había un acordo da propia Federación, apoiado polo propio vicepresidente, previo á modificación da Lei do Solo de 2008 feita polo Bipartito, ao que ese Goberno “non lle fixo caso”.
REGULAR 30.000 NÚCLEOS RURAIS
O portavoz parlamentario do PPdeG lembrou que a modificación permitirá regular máis de 30.000 núcleos de poboación do rural galego, dando unha mellor resposta á diversidade do sistema de asentamentos de Galicia e xustificou a urxencia na tramitación pola necesidade de axilizar planeamentos municipais, tendo en conta que hai máis de 200 en tramitación, e de coordinala coas Directrices de Ordenación do Territorio e co Plan de Ordenación do Litoral. A ese respecto, lembrou que na etapa do Bipartito procedeuse a facer dúas modificacións da Lei pola vía de urxencia.
Igualmente, fixo fincapé en que esta reforma permitirá reducir tempos de tramitación administrativa para os planeamentos xerais e de desenvolvemento, mediante reducións de prazos e coordinación das tramitacións urbanísticas e ambientais, así como desatascar autorizacións en solos rústicos para facilitar o asentamento e desenvolvemento das actividades do medio rural, co fin de contribuír á xeración de emprego e á redución da despoboación.
O deputado subliñou tamén que, no que respecta aos usos en solo rústico, o que se modifica é a parte administrativa sobre quen dá o permiso, e aludiu á necesidade de regularizar cuestións preexistentes de “facto” “para saír do limbo xurídico no que se atopan algunhas actividades, pero sempre cumprindo unha serie de condicións e requisitos ambientais”.
EMENDAS
Pola súa banda, Román Rodríguez expuxo o contido das emendas presentadas ao proxecto de reforma polo seu Grupo, que pretenden reforzar os obxectivos da reforma en aspectos como a reorientación competencial, a mellora das condicións de asentamento para novas vivendas e explotacións e actividades de apoio agropecuarias ou a adaptación da norma á actual situación de crise económica, ampliando o prazo para caducidade de licencias de obra, o que suporá un apoio ás finanzas municipais.
Así, explicou Rodríguez, as propostas do PPdeG profundizan en cuestións como os usos autorizables pola Comunidade Autónoma e encamiñánse a substituír a idea de “non facer, pola de facer ben”, introducindo cautelas e restricións específicas ou medidas correctoras en materia ambiental e paisaxística, buscando o obxectivo de compatibilizar o uso do solo coa preservación dos valores territoriais.
Igualmente, as emendas atenden aos conflitos derivados da extralimitación da lexislación marco urbanística que invade competencias sectoriais, municipais e mesmo doutros ámbitos vencellados ao Dereito Civil, en casos como a regulación de certas actividades económicas como a forestal ou nos casos de segregación por herdanza. En canto á mellora das condicións de asentamento para novas vivendas e explotacións agropecuarias, introducen axustes nas distancias entre vivendas e na localización das mesmas e un menor intervencionismo no relativo a materiais construtivos de cubertas, ao obxecto de facilitar o asentamento no rural de novas vivendas e explotacións, así como de actividades de apoio ou complemento á actividade agrogandeira, sempre dentro dos espazos clasificados para ese fin.