DECRETO GALEGO
O PPDEG EXPRESA A SÚA SATISFACCIÓN PORQUE O BORRADOR DO DECRETO DO GALEGO NO ENSINO GARANTE O EQUILIBRIO ENTRE AS LINGUAS OFICIAIS
• O portavoz do Grupo Popular avoga porque “nun futuro próximo”, e mediante un proceso paulatino, “sexa unha realidade que Galicia poida ser unha Comunidade trilingüe”
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro do 2010.- O PPdeG expresou hoxe a súa satisfacción porque o borrador de decreto do galego no ensino garante o equilibrio entre as dúas linguas oficiais. O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, acompañado polo deputado e portavoz do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, e polo voceiro de Educación do Grupo Parlamentario, Roman Rodríguez, reuniuse esta maña co Conselleiro de Educación, dentro da rolda de contactos establecidos para avanzar na elaboración do decreto.
Ruiz Rivas agradeceu a convocatoria do Conselleiro a esta xuntanza e salientou a vontade de diálogo e a transparencia amosadas polo goberno de Núñez Feijoo en todo o proceso para a elaboración do futuro decreto. Igualmente, valorou positivamente a consulta realizada aos pais porque, no eido educativo, estes “teñen algo que dicir”, apuntou.
Na xuntanza, os populares puxeron sobre a mesa a necesidade de garantir o equilibrio entre as linguas, que era “unha das nosas principais preocupacións” e que por parte da Consellería “se nos deixou perfectamente claro que está garantido”, indicou Ruiz Rivas.
Así mesmo, o portavoz do Grupo Popular avoga porque “nun futuro próximo”, e mediante un proceso paulatino, “sexa unha realidade que Galicia poida ser unha Comunidade trilingüe”.
“Como Grupo Popular, nós temos un compromiso coa cidadanía, plasmado no programa electoral”, remarcou o deputado, quen asegurou que “o que vemos ata agora cumpre con ese programa”.