Pilar Rojo felicítase pola liberación dos tripulantes do Alakrana e anima a “reflexionar en frío” para evitar outros sucesos semellantes
Santiago, 17 de novembro de 2009.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, congratúlase pola liberación dos tripulantes do pesqueiro Alakrana, logo de mes e medio secuestrados en augas do Océano Índico, felicitación que dirixe especialmente aos liberados e ás súas familias.
“Logo de tanta e tanta tensión, resulta especialmente reconfortante que os tripulantes poidan volver coas súas familias sans e salvos”, agrega Rojo Noguera.
Apunta a máxima responsable da Cámara galega que, superada a conmoción provocada polo longo secuestro, “chega o momento de reflexionar e planificar en frío” para tratar de evitar que volvan repetirse sucesos semellantes ao do Alakrana, que mantivo precupada, durante semanas, o conxunto da sociedade española.
Pilar Rojo valora tamén a corrente de solidariedade que arroupou aos secuestrados e ás súas familias durante este tempo, como aconteceu coas diferentes declaracións institucionais promovidas polo Parlamento de Galicia.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia