O Parlamento recibe do Consello de Contas o informe de fiscalización das eleccións autonómicas do 1 de marzo
Santiago, 29 de setembro de 2009.- O vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, José Manuel Baltar Blanco, recibiu hoxe do conselleiro maior do Consello de Contas o informe de fiscalización das contabilidades electorais correspondentes ás eleccións autonómicas do pasado 1 de marzo, elaborado por esa institución.
Ao remate dunha reunión celebrada no despacho do vicepresidente primeiro do Parlamento, Baltar Blanco valorou a “celeridade” coa que foi elaborado o informe, e felicitou ao Consello de Contas pola profesionalidade e o bo facer que caracteriza o seu traballo, como ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego. Esta característica constitúe, na súa opinión “un plus de confianza para os contribuíntes, sempre preocupados polo destino final dos seus impostos”.
Baltar Blanco eludiu opinar sobre o contido concreto do informe de fiscalización dos recentes comicios autonómicos por entender que esa responsabilidade lles corresponde aos grupos parlamentarios representados na Cámara.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia