O Parlamento implanta un plan de austeridade que permitirá aforrar 1,7 millóns de euros este mesmo ano
• Suprime os gastos previstos en obras e actos sociais, e reduce o de apartados como atencións protocolarias, mobiliario ou publicidade e propaganda
• Cando as familias se ven obrigadas a apretarse o cinturón pola crise, o Parlamento ten que facer o mesmo e dar exemplo de contención do gasto público”, afirma Rojo Noguera
Santiago, 4 de agosto de 2009.- O Parlamento de Galicia vén de ultimar un plan de austeridade que lle permitirá aforrar este ano unha partida de arredor de 1,7 millóns de euros, no marco dunha estratexia con vocación de continuidade en futuros exercicios orzamentarios.
O aforro de 1,7 millóns de euros conseguirase mediante a supresión de partidas que Rojo Noguera considera prescindibles, como as previstas para a realización de novas obras no edificio do Pazo do Hórreo, o que permitirá un aforro, só neste concepto, de 800.000 euros. Neste apartado, manteranse unicamente os gastos imprescindibles para o mantemento do edificio, así como unha pequena actuación encamiñada a reubicar o arquivo documental da Cámara lexislativa.
Rematan as actividades sociais itinerantes
Outro apartado que sofre un recorte drástico, de 300.000 euros, é o de actos sociais (exposicións itinerantes, actuacións, etc).
Séguenlle recortes de presuposto en practicamente todos os programas de gasto da Administración parlamentaria, pero cunha especial incidencia en apartados como maquinaria, mobiliario, atencións protocolarias, publicidade e propaganda, estudos e traballos técnicos ou fondos artísticos.
Compromiso de austeridade que toma forma
A proposta, articulada durante o pasado mes de xullo, permite materializar o compromiso de austeridade comprometido pola presidenta do Parlamento de Galicia cando asumiu o cargo, tal e como expresou publicamente no discurso da sesión de apertura desta VIII Lexislatura.
Daquela, Pilar Rojo xa anunciara un plan de austeridade “que elimine os gastos que non sexan estritamente necesarios para o exercicio das nosas competencias”.
Reflexionaba a presidenta da Cámara que “este non é só un tema ético, senón que tamén afecta o propio sentido da institución parlamentaria. Diciámolo anteriormente: debemos estar na realidade, onde se atope a xente e os seus problemas e inquedanzas. Nun momento de crise económica, a primeira institución representativa debe situarse en primeira liña na loita contra tal crise”.