A Asociación Cultural As Xeitosiñas” de Zürich comparte a Medalla do Parlamento á emigración con toda a colonia galega de Suíza

medalla 16/06/2019

• O Centro, que recolleu a distinción como integrante da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, celebrou este domingo unha xornada de portas abertas á que convidou ao presidente do Lexislativo galego
 
• Santalices reitera que Galicia e España están en débeda coa emigración, pero tamén Europa “porque o seu traballo e esforzo resultaron determinantes para manter o crecemento económico de países como Suíza, Francia, Reino Unido, Alemaña e tantos outros”

Santiago, 16 de xuño de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde no acto organizado pola Asociación Cultural “As Xeitosiñas”-Banda de Gaitas e grupo de Danzas de Zürich para compartir con toda a colonia galega e española de Suíza a Medalla do Parlamento de Galicia ao conxunto da emigración galega, entregada o pasado 6 de abril en Santiago ás 14 institucións que integran a Comisión Delegada do Consello de Comunidades galegas, como lexítimos representantes deste colectivo.
 
Logo de recoller a Medalla do Parlamento á emigración, nun acto celebrado o pasado 6 de abril, o presidente da Asociación Cultural “As Xeitosiñas”, José Gil Doval, convidou ao presidente da Cámara a participar nunha celebración destinada a compartir a distinción cos compatriotas asentados no país helvético.
 
Galicia, en débeda coa emigración
 
No acto, Santalices Vieira reiterou que a concesión da medalla do Parlamento de Galicia á emigración galega, acordada unanimemente pola Mesa da Cámara, corrixe unha “inxustiza histórica”, na medida en que “toda Galicia, a de todos os tempos, ten unha débeda coa emigración, con vostedes e coas súas familias, polo seu esforzo, polo desgarro persoal e familiar que a emigración provocou a eito, e polas axudas de todo tipo que a emigración proporcionou a Galicia ao longo da historia”.
 
Insistiu o titular do Lexislativo galego que tamén Europa está en débeda coa emigración galega porque “o seu traballo e o seu esforzo resultaron determinantes para manter o crecemento económico de países como Suíza, como Francia, como Reino Unido, como Alemaña e como tantos outros nos que os traballadores galegos eran, e son aínda recoñecidos nos nosos días, polas súas cualidades humanas e profesionais”.
 
60 anos dos primeiros galegos en Suíza
 
Cando se compren 60 anos da chegada dos primeiros emigrantes galegos a Suíza, o presidente do Parlamento tivo unha “lembranza agradecida para aquelas persoas pioneiras e para todas as que as seguiron en datas posteriores”.
Santalices Vieira animou ao conxunto da sociedade a superar a visión superficial que persiste sobre a emigración galega, na medida en que “canda os elementos externos do trunfo económico, coexisten outras facianas como o desarraigo, os dramas familiares derivados da separación ou as difíciles condicións de vida nos países de destino, sobre todo nas etapas iniciais”.
 
Recordou tamén na súa intervención que a diferenza da emigración americana que na maior parte dos casos non puido retornar a Galicia, os galegos asentados en Europa manteñen unha “intensa relación coa Terra, propiciada pola mellora das condicións económicas e os avances en materia de comunicacións, sexan as que facilitan os desprazamentos, ou sexan as TIC”.

Imaxes relacionadas