Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Pedro Puy cualifica de "xenerosa" a proposta de plan de traballo que trasladou á oposición, co número máis elevado de comparecentes nunca solicitado

Pedro Puy salienta “a responsabilidade” coa que actuou o Grupo Popular nas comisións de investigación sobre o Marisquiño e a sanidade pública

comisións investigación 06/11/2018

Santiago, 5 de novembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe “a responsabilidade” coa que está a actuar o PPdeG nas comisións de investigación sobre o accidente do Marisquiño e sobre a situación da sanidade pública galega. “Procuramos que este Parlamento cumpra as súas funcións, polo que non estamos satisfeitos de que o PSOE abandonara a comisión do Marisquiño nin de que o conxunto da oposición deixara a Comisión sobre a sanidade, como tampouco pola contradición existente entre aqueles altos cargos socialistas que veñen a comparecer ao Parlamento para explicar os orzamentos das súas institucións e outros que declinan vir”, apuntou.
 
Respecto da comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño en Vigo, Pedro Puy destacou que “houbo un acordo bastante amplo tanto en relación aos comparecentes como á documentación solicitada”.
 
No caso da comisión de investigación sobre a sanidade pública galega, o portavoz popular lembrou que a proposta de transacción sobre o plan de traballo que fixo o Grupo Popular conlevaba incorporar o número máis elevado de comparecentes nunha comisión de investigación realizada neste Parlamento, dos que a oposición aportaba máis que o grupo maioritario: 25 de 46 comparecentes.
 
Puy cualificou esta proposta de “xenerosa” e asegurou que “non reflicte a idea de que o PPdeG non teña interese en investigar”. En concreto, apuntou que na proposta de plan de traballo trasladada aos grupos da oposición incorporábanse a comparecencia do representante da Plataforma galega de afectados pola hepatite C; o coordinador do Centro de Saúde de A Estrada; o portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Galiza-SOS Sanidade Pública; o psicólogo Miguel Anxo García Álvarez; representantes dos sindicatos CIG-SAÚDE, CC.OO, CEMS-OMEGA e SATSE; o presidente do Consello Galego de Colexios Médicos; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía; o presidente de Ahosgal; ou o presidente de Agefec.
 
“No PPdeG non nos sentimos responsables de que todas estas persoas non poidan vir a comparecer á comisión de investigación, porque os únicos responsables foron os grupos da oposición cando rexeitaron a votación para a súa inclusión no plan de traballo”, explicou.
 
SEGUIR ADIANTE
 
Cuestionado sobre a posibilidade de que os grupos da oposición organicen actividades sobre a sanidade pública, Pedro Puy indicou que “parécenos ben, pero iso non é unha comisión de investigación porque non hai contraste de opinións, nin garantía de confrontación entre o que se declara e o que pode ser a realidade”.
 
Pedro Puy asegurou non sentirse satisfeito “de como foron as cousas en relación coa imaxe desta Cámara, pero as responsabilidades non son as mesmas” entre os grupos parlamentarios. Así mesmo, avanzou que o Grupo Popular  “vai seguir adiante coas dúas comisións de investigación, porque o seu plan de traballo se axeita ao contido para o que ambas se crearon por iniciativa dos grupos da oposición”.
Respecto do Pleno que se celebra esta semana, o portavoz popular lembrou que o Grupo Popular defenderá dúas proposicións non de lei. Unha primeira, a través da que se demanda ao Goberno central que lle dea continuidade á tramitación do protocolo entre a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e o Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño en Galicia (Intecmar), a través do que se designaba a este organismo galego como laboratorio nacional de referencia para biotoxinas mariñas e control e clasificación das zonas de produción.
 
En segundo lugar, o Grupo Popular demandará ao Goberno central que concrete o prazo e a fórmula elixidos para a supresión da peaxe de Redondela da AP-9, unha solicitude que xa conta co respaldo unánime deste Parlamento a través doutra proposición non de lei que pedía a supresión da peaxe de Rande en condicións de uso equiparables ao tramo da AP-9 comprendido entre Vigo e O Morrazo.
 
“Imos insistir nesta cuestión e confiamos que os grupos da oposición non muden na súa posición, como xa están a facer coa suba das peaxes logo de avogar cando gobernaba o PP porque se sufragaran con cargo aos orzamentos do Estado para que non repercutiran nos usuarios”, sinalou .

Imaxes relacionadas