Resolucións subseguintes ao debate anual de política xeral sobre a situación política da Comunidade Autónoma de Galicia, do 13.03.2012

3. Procedementos de control e impulso
3.2. Comunicacións da Xunta de Galicia
3.2.3. Resolucións aprobadas
 
Resolucións subseguintes ao debate anual de política xeral sobre a situación política da Comunidade Autónoma de Galicia
do 13 de marzo de 2012
 
O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 13 de marzo de 2012 aprobou, no punto único da orde do día (Debate anual de política xeral: doc. núm. 78346. 08/DEBA-0003), as seguintes resolucións:
 
1.ª resolución
 
 “O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar en 2012 unha normativa propia de espectáculos públicos en Galicia na que, ademais de garantir a seguridade das persoas e dos bens, a adecuación dos establecementos e a comodidade das persoas usuarias, se asegure axeitadamente a compatibilidade entre o dereito ao lecer e o dereito ao descanso dos cidadáns.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 4 do G.P. Popular de Galicia).
 
2.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir defendendo en 2012 ante as institucións comunitarias o establecemento dunha axuda transitoria para as rexións que abandonan o obxectivo converxencia a partir de 2014, tendo en conta que a aprobación desta proposta depende da decisión final do Consello e do Parlamento europeo.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 7 do G.P. Popular de Galicia).
 
3.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, neste mes de marzo, inicie os trámites para a aprobación do Decreto de desenvolvemento da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que se proceda a rebaixar o soldo dos directivos do sector público, homologándoo ao que perciben os cargos directivos das consellarías da Xunta, e a establecer que os membros dos consellos de administración non perciban maiores remuneracións que as previstas para un director xeral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 21 do G.P. Popular de Galicia).
 
4.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver, con representantes do tecido empresarial de Galicia, un marco de actuación para realizar accións de formación profesional entre os centros educativos e as empresas, ao estilo da formación dual en países da UE, que favoreza a mellora das competencias profesionais dos mozos e mozas e a súa inserción no mercado de traballo.
 
As accións de formación profesional que se desenvolverán nesta modalidade deberán considerar os mozos e mozas que abandonaron o sistema escolar sen acadaren ningunha titulación académica, así como os que están en risco de abandono escolar, e promover con eles a formación dos aprendices necesarios nas empresas. ”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 23 do G.P. Popular de Galicia).
 
5.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar a internacionalización das industrias culturais e creativas galegas, co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial do sector e, ao mesmo tempo, proxectar a marca “Galicia” no mundo.
 
Para acadar estes obxectivos, proponse:
 
- Continuar promovendo estratexias e accións que acheguen as empresas culturais galegas aos profesionais internacionais do sector, que posibiliten o establecemento de contactos comerciais, que faciliten a captación de investimentos foráneos e que favorezan as oportunidades financeiras e de negocio no estranxeiro.
 
Con esta finalidade apoiarase a presenza das industrias culturais e creativas en encontros nacionais e internacionais de recoñecido prestixio que se consideren de interese estratéxico para o sector.
 
- Apoiarase con axudas públicas as empresas galegas do sector que leven a cabo iniciativas de proxección exterior e que redunden no crecemento empresarial e na mellora da competitividade e da calidade dos produtos culturais galegos.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 25 do G.P. Popular de Galicia).
 
6.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a impulsar procesos de unión das entidades galegas no exterior que permita avanzar no obxectivo de acadar un uso eficiente dos recursos públicos e a mellora e incremento das capacidades das comunidades galegas para desenvolver accións a favor dos galegos residentes no exterior, especialmente nas áreas socioasistenciais e na proxección económica e cultural de Galicia.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 46 do G.P. Popular de Galicia).
 
7.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que solicite formalmente ao Goberno central que estableza un marco retributivo para a enerxía eólica e para as centrais de biomasa forestal primaria, así como un procedemento de asignación de cantidades de produción de biodiésel.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 47 do G.P. Popular de Galicia).
 
8.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar, en consenso coa Fegamp e contando coa participación das distintas administracións públicas implicadas, un mapa de atención ás emerxencias. O dito mapa deberá basearse en criterios obxectivos de distribución de medios e recursos para garantir a efectiva protección dos galegos e galegas con independencia do seu lugar de residencia.”
 
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. Popular de Galicia).
 
9.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que as accións formativas que se programen no ámbito da formación dirixida preferentemente a desempregados comporten a obtención de certificados de profesionalidade.”
 
Aprobada por 50 votos a favor, ningún en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 19 do G.P. Popular de Galicia).
 
10.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a desenvolver programas de formación en materia de violencia de xénero para o persoal ao servizo da Administración de xustiza dependente da Comunidade Autónoma. Así mesmo, fomentará a formación específica para os avogados que integran a quenda de oficio especializado en violencia de xénero, a través de convenios cos diferentes colexios de avogados. No mesmo sentido dirixirse ao Goberno central para que se retome o proxecto de especialización comarcalizada dos xulgados de violencia sobre a muller.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 24 en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 40 do G.P. Popular de Galicia).
 
11.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a seguir realizando a interlocución necesaria para lograr a colaboración dos concellos no desenvolvemento e plena execución do Plan de infraestruturas xudiciais, especialmente no que atinxe á disposición dos terreos ou locais necesarios para a construción ou rehabilitación de edificios xudiciais por parte do Goberno galego.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 2 do G.P. Popular de Galicia).
 
12.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a presentar neste ano un Proxecto de lei de estradas que homoxeneice o tratamento das redes de estradas das diferentes administracións de Galicia, axilice os expedientes para a súa construción e optimice o emprego dos recursos públicos.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 10 do G.P. Popular de Galicia).
 
13.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a presentar un Proxecto de lei de garantías de prestacións sanitarias co obxectivo de outorgar as garantías necesarias aos usuarios do sistema público de saúde de Galicia para o exercicio dos dereitos de atención sanitaria nos prazos establecidos e a libre elección de médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría, así como de centro hospitalario.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 13 do G.P. Popular de Galicia).
 
14.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar aplicando políticas de eficiencia, mantendo e mellorando a calidade das prestacións sanitarias, e nese sentido:
 
- Continuar coa política de bo uso dos recursos farmacoterapéuticos e as medidas de eficiencia para conseguir un aforro de polo menos un 7 % no gasto farmacéutico no ano 2012.
 
- Impulsar a plataforma loxística e a política de compras centralizadas para afondar e mellorar na eficiencia.
 
- Seguir aproveitando as vantaxes das novas tecnoloxías para ofrecer servizos máis accesibles, seguros e de calidade para pacientes e cidadáns.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Popular de Galicia).

15.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que realice un especial reforzo na súa aplicación de políticas activas de emprego naqueles concellos ou territorios cuxas medias de paro se viran incrementadas nos últimos anos de xeito significativo por riba da media galega.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 16 do G.P. Popular de Galicia).
 
16.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar un plan para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia 2012-2020.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Popular de Galicia).
 
17.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a establecer unha maior cooperación e coordinación coas deputacións para o desenvolvemento de programas de emprego e de atención social e a priorizar aqueles proxectos impulsados entre varios concellos.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 18 do G.P. Popular de Galicia).
 
18.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a iniciar canto antes os contactos cos grupos parlamentarios, cos axentes sociais e cos axentes empresariais para artellar unha proposta co fin de:
 
- Suprimir os vicevaledores da institución autonómica do Valedor do Pobo.
 
 - Integrar o Consello Galego da Competencia e o Instituto Galego de Consumo nun único ente.
 
- Integrar o Consello Económico e Social  e o Consello Galego de Relacións Laborais nun único ente.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 20 do G.P. Popular de Galicia).
 
19.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a avanzar na promoción e coordinación das políticas e accións de dinamización lingüística cunha extensión homoxénea por todo o territorio e en distintos ámbitos, para o que se apoiará nas entidades locais e socioculturais á hora de realizar e aumentar a efectividade das actuacións a prol da lingua galega.
Intensificaranse os contactos coas administracións locais de Galicia para incrementar o traballo en rede, evitando duplicidades, e tamén a posta en marcha de actividades que contribúan ao fomento e promoción da lingua galega e do seu coñecemento, así como ao seu uso e á súa divulgación social.
Para axudar á transmisión da lingua ás xeración futuras de galegas e galegos, as políticas lingüísticas apoiaranse nas novas tecnoloxías e prestarán especial atención aos segmentos de idade correspondente á infancia e á xuventude co fin de que tomen conciencia do importante valor da lingua propia de Galicia.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 24 do G.P. Popular de Galicia).
 
20.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
- Impulsar iniciativas que favorezan a posta en valor do noso patrimonio prehistórico, centrando os esforzos no proxecto da rede galega de patrimonio arqueolóxico, buscando o desenvolvemento acaído e sostible deste patrimonio como un recurso cultural e socioeconómico.
 
- Favorecer a cooperación entre os principais axentes con responsabilidade na conservación dos bens históricos (concellos, deputacións provinciais e propietarios), coa finalidade de garantir unha maior eficacia das actuacións dirixidas á súa protección.
 
- Colaborar no mantemento e na difusión do patrimonio catedralicio galego a través do impulso ás actuacións de conservación máis urxentes nos conxuntos monumentais de maior interese, priorizando as actuacións de seguridade nestes bens.
 
-   Promover a declaración de novos bens de interese cultural que se traduzan nun impulso á conservación,  protección e posta en valor do patrimonio cultural galego, baixo criterios que contribúan a potenciar a auténtica preservación dos seus valores patrimoniais.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 26 do G.P. Popular de Galicia).
 
21.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a manter o compromiso coa estabilidade orzamentaria, co obxectivo de cumprir co déficit no marco dos acordos do Consello de Política Fiscal e Financeira, para seguir garantindo o mantemento e a mellora dos servizos públicos esenciais.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 28 do G.P. Popular de Galicia).
 
22.ª resolución
 
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a reforzar a súa aposta pola innovación e para tal efecto remitir a este Parlamento un Proxecto de lei de innovación e a poñer en marcha nas vindeiras semanas a Axencia de Innovación de Galicia, que permitirá afondar na profesionalización da innovación, someténdoa de forma constante a indicadores claros e medibles.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 43 do G.P. Popular de Galicia).
 
23.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar co impulso das políticas sociais na nosa Comunidade:
 
- Creando 2.000 novas prazas públicas en escolas infantís antes do remate do ano 2013 e incrementando en 1.000 novas prazas públicas en centros de atención a maiores ata o 2013.
 
- Continuando o seu apoio aos colectivos con mais dificultades, mediante a aprobación dunha nova Lei de inclusión social e a modificación da risga.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 45 do G.P. Popular de Galicia).
 
24.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia á tramitación dun Proxecto de lei do emprendedor, que inclúa, entre outras medidas, incentivos fiscais como os seguintes:
 
- A duplicación da dedución do IRPF (ata 600 euros) para as persoas que causen alta por primeira vez no censo de emprendedores.
 
- A duplicación da dedución do IRPF (ata o 20 % e límite de 8.000 euros) para as persoas que invistan en accións ou participacións sociais de novas entidades ou de crecente creación.
 
- A redución do 95 % da base impoñible do imposto de sucesións e doazóns naquelas sucesións ou doazóns a fillos e descendentes dos cartos destinados á creación dunha empresa ou dun negocio, tendo en conta o patrimonio preexistente do donatario.
 
- A dedución do 100 % no imposto de actos xurídicos tanto na transmisión de inmobles destinados a local comercial como nos préstamos para adquirilos. ”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 48 do G.P. Popular de Galicia).
 
25.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado a continuidade dos traballos das infraestruturas ferroviarias pendentes en Galicia e, de forma especial, o remate do eixe atlántico de alta velocidade Vigo-Pontevedra-Santiago de Compostela no ano 2014, así como a conexión de Galicia coa Meseta no ano 2018.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 11 do G.P. Popular de Galicia).
 
26.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar do Goberno do Estado que cumpra o compromiso de rematar a autovía do Cantábrico en 2013 e que impulse a finalización da autovía Lugo-Santiago de Compostela, a ampliación da capacidade da autoestrada do Atlántico e o inicio das obras das autovías Vigo-Pontevedra e Lugo-Ourense.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha
abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. do Popular de Galicia).
 
27.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a continuar desenvolvendo os pasos para afianzar o relanzamento da acuicultura na nosa Comunidade, ao abeiro da Estratexia galega da acuicultura, nomeadamente:
 
- Dando continuidade á planificación da acuicultura nos ámbitos marítimo e marítimo-terrestre, alén de culminar o realizado para o litoral.
 
- Comezando a tramitación dun marco regulador básico para a acuicultura en Galicia, acorde coa realidade e coas previsións futuras da actividade e consolidando as estruturas de asesoramento, con especial fincapé na posta en marcha do Consello Galego de Pesca, do Comité Científico Galego de Pesca e do Comité Técnico de Acuicultura.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 34 do G.P. Popular de Galicia).
 
28.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a, no marco das estruturas e orientacións comunitarias ao respecto, promover liñas de traballo que leven á mellora da capacidade de sostibilidade e competitividade do sector agropecuario galego, que posúe un carácter estratéxico, mellorando a estrutura de comercialización, tanto no lácteo como no cárnico, atendendo:
 
- Un axeitado desenvolvemento e aplicación do regulamento comunitario que modifica o Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello no que atinxe ás relacións contractuais no sector lácteo e dos seus produtos, especialmente dirixido a aumentar a capacidade negociadora dos produtores e á inclusión xeneralizada de contratos homologados entre a industria transformadora e comercializadora e os gandeiros. 
 
- A posta en marcha da lonxa virtual para os produtores de animais para carne co obxectivo de acurtar as canles comerciais deste eido mediante un eficaz aproveitamento da aposta que o Goberno galego está a facer para levar a internet ao rural.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 36 do G.P. Popular de Galicia).
 
29.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a, no marco das estruturas e orientacións comunitarias ao respecto, promover liñas de traballo que leven á mellora da capacidade de sostibilidade e competitividade do sector agropecuario galego, que posúe un carácter estratéxico, mellorando as estruturas de custos, de cara a conseguir un aumento das rendas dos titulares das explotacións e do rural en xeral, atendendo con prioridade:
 
- Aquelas situacións derivadas da falta de pasto pola seca.
- A continuidade na achega de axudas para a realización de investimentos de mellora das explotacións que leven a unha redución estrutural de custos nelas e a unha maior eficiencia no seu funcionamento.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. Popular de Galicia).
 
30.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dar continuidade ás xestións oportunas co Goberno do Estado para abordar conxuntamente –nun marco de plena lealdade institucional– a posibilidade de traspaso á Comunidade Autónoma das competencias definidas na folla de ruta establecida polo Goberno galego desde o inicio da VIII lexislatura.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, ningún en contra e 36 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. do Popular de Galicia).
 
31.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a manter o prazo medio de corenta e cinco días para o pagamento aos provedores na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, ningún en contra e 36 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 30 do G.P. do Popular de Galicia).
 
32.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a reforzar a loita contra a fraude fiscal a través dos procedementos de xestión e inspección tributaria, coa finalidade de incrementar a recadación sen subir a carga fiscal aos contribuíntes, coa posta en funcionamento da Axencia Tributaria de Galicia.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, ningún en contra e 36 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 31 do G.P. do Popular de Galicia).

33.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar e remitir ao Parlamento ao longo deste ano o Plan director de actividades industriais previsto na Lei 13/2011, reguladora da política industrial de Galicia.”
 
Aprobada por 38 votos a favor, ningún en contra e 36 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 42 do G.P. do Popular de Galicia).

34.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia, co fin de resolver os problemas endémicos do sector agropecuario e de reforzar a súa competitividade, insta a Xunta de Galicia á tramitación da nova Lei de mellora da estrutura territorial agraria e a impulsar o convenio co ministerio para a disposición polos gandeiros das parcelas de propietario descoñecido, e á dotación de axeitadas infraestruturas no medio rural, para o que se dará continuidade aos plans de traballo e investimento neste eido.”
 
Aprobada por 50 votos a favor, 24 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 39 do G.P. do Popular de Galicia).
 
35.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao Ministerio de Xustiza que se retomen os traballos do grupo técnico derivado da conferencia sectorial constituída entre o Ministerio de Xustiza e todas as comunidades autónomas con competencias na materia para analizar conxuntamente os aspectos nos que debe basearse a reforma da Lei estatal 1/1996, de asistencia xurídica gratuíta, de xeito que se eliminen as disfuncións que se dan coa actual lexislación e se mellore a xestión, garantindo a prestación a aquelas persoas que carecen de recursos para litigar.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 1 do G.P. do Popular de Galicia).
 
36.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia acorda manifestar o seu apoio a todas aquelas iniciativas tendentes a acadar a fusión voluntaria entre concellos e insta a Xunta de Galicia a potencialas e priorizalas na súa política de apoio aos municipios.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 6 do G.P. do Popular de Galicia).
 
37.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, tendo en conta o carácter estratéxico do sector para Galicia, continúe impulsando un compromiso firme de apoio aos estaleiros galegos, tanto públicos como privados.
 
Para isto, seguirá reclamando ao Goberno central:
 
- Que logre canto antes carga de traballo suficiente para os estaleiros públicos da ría de Ferrol, de xeito que poidan manter una axeitado nivel de actividade e emprego. 
 
- Que persista nas negociacións coa UE, ata lograr que se acepte unha proposta para un novo tax lease que permita aos estaleiros galegos efectuar as contratacións de buques nas mesmas condicións fiscais que o resto de estaleiros europeos.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 15 do G.P. do Popular de Galicia).
 
38.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a afondar na mellora da calidade no ensino e nunha educación integral para contribuír á formación das alumnas e dos alumnos galegos, con independencia da súa idade, como persoas e cidadáns activos e cada vez máis preparados para enfrontarse a un mundo cada vez máis aberto e global e que está en continuo cambio.
 
Con esta finalidade:
 
-  Promoverá medidas para a mellora das competencias en linguas estranxeiras dos mozos e mozas e adultos.
 
-  Impulsará, particularmente na educación obrigatoria, accións que favorezan a cultura do esforzo  e a responsabilidade do alumnado, promovendo nos centros educativos programas de mellora da convivencia e das competencias, conducentes ao éxito escolar e á excelencia.
 
- Axudará os concellos para o desenvolvemento de programas e actividades dirixidas ás familias e á poboación escolar para combater o abandono escolar.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. do Popular de Galicia).
 
39.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a presentar un Proxecto de lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia. A finalidade desta lei será establecer un marco normativo que axilice e impulse os despregamentos de infraestruturas de telecomunicacións garantindo, a súa vez, que estes se leven a cabo dunha maneira ordenada, eficiente e respectuosa co medio ambiente, coa paisaxe e co patrimonio cultural.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. do Popular de Galicia).
 
40.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a desenvolver unha liña de traballo conducente á obtención dun máis acaído marco regulatorio europeo no eido marítimo- pesqueiro, con especial atención á nova política común de pesca e da determinación de máis axeitados niveis de TAC e cotas para os anos vindeiros.
 
Para tal fin, cómpre:
 
- Postular unha postura única de Galicia ante a política común de pesca, formada pola suma das expresións da opinións do Parlamento de Galicia, da Xunta de Galicia e do Consello Galego de Pesca.
 
- Realizar unha análise pormenorizada do impacto negativo que pode supoñer a mantenza da chamada estabilidade relativa sobre o conxunto da frota galega e desenvolver cantas accións sexan precisas na defensa da súa eliminación da futura política común de pesca.
 
- Desenvolver, de forma coordinada co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a elaboración de estudos das dinámicas das poboacións pesqueiras de maior importancia para a frota galega e análises socioeconómicas do impacto destas especies no sector marítimo-pesqueiro e na súa cadea mar-industria.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 35 do G.P. do Popular de Galicia).
 
41.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que desenvolva unha normativa destinada a que todos os concellos de Galicia poidan simplificar os trámites e eliminar trabas á hora de poñer en marcha un establecemento comercial a través das chamadas ´licenzas exprés´.
 
Esa normativa deberá permitir que, a través dunha comunicación previa e a declaración responsable, acompañada da documentación precisa, se recoñeza o dereito á posibilidade de realización de obras ou inicio de actividade comercial, sen prexuízo da posterior comprobación por parte do concello.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 41 do G.P. do Popular de Galicia).
 
42.ª resolución
 
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a seguir afondando na súa aposta pola internacionalización da economía galega, apoiando os emprendedores na busca de novos destinos, duplicando para tal fin a rede de xestores de exportación e completando no presente ano a rede de plataformas galegas no exterior.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 44 do G.P. do Popular de Galicia).
 
43.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que se continúe co saneamento integral das rías de Galicia, co fin de dar cumprimento á Directiva marco da auga da Unión Europea,  pola que a calidade das augas das nosas rías debe ser óptima no ano 2015, e para iso que se promova a coordinación de todas as administracións implicadas na execución das obras pendentes, priorizando dous acordos co Estado, un para completar o saneamento da ría de Ferrol e outro, coa participación dos concellos limítrofes, para o saneamento e rexeneración da ría do Burgo, que comprometa a execución das obras necesarias para completar o dragado do seu leito.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 8 do G.P. Popular de Galicia).
 
44.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para que tramite a execución das obras de saneamento declaradas como de interese xeral do Estado que estean pendentes e, en concreto, as novas estacións depuradoras de Santiago de Compostela e de Ourense e o colector interceptor de Ferrol.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. Popular de Galicia).
 
45.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a presentar neste período de sesións en sede parlamentaria o Plan estratéxico da Cidade da Cultura, “Plan Gaiás”, no que se detalle, entre outros aspectos, o proxecto cultural que desenvolverá o Gaiás e as estratexias que se poñerán en marcha para que se converta nun verdadeiro impulsor das industrias, dos creadores e da cultura galega, garantindo un programa cultural de calidade que poña en valor a Cidade da Cultura, como complexo cultural de referencia internacional.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 27 do G.P. Popular de Galicia).
 
46.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a  implementar medidas de eficiencia enerxética no conxunto dos edificios administrativos da Xunta de Galicia co obxecto de diminuír custos e introducir sistemas e técnicas de optimización de recursos enerxéticos no mantemento de instalacións e equipamentos públicos, co obxectivo de acadar unha diminución na facturación por este concepto da Xunta de Galicia dun mínimo dun 25 % no 2012 respecto do ano anterior. ”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 3 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
47.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a  aprobar o Proxecto de lei de publicidade institucional no actual período de sesións que remate coas prácticas opacas e regule a relación dos medios de comunicación e o poder político.”
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
48.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a impulsar as medidas necesarias para reforzar e ampliar os servizos de mediación familiar no ámbito xudicial galego.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 42 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
49.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a impulsar as medidas necesarias para reforzar e ampliar os servizos de mediación no ámbito de menores.”

Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 43 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

50.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a estudar a oportunidade de estender os servizos de mediación a ámbitos distintos do da mediación familiar e de menores.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 44 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
51.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a pactar coa Fegamp un marco de incentivos dirixidos aos concellos que impulse a prestación conxunta de servizos locais, na procura de economías de escala, homoxeneidade e calidade nas prestacións e sostibilidade financeira. Os servizos susceptibles serán os de mantemento e pavimentación de vías públicas e estradas, abastecemento de auga, saneamento, recollida de residuos sólidos, iluminación, protección civil, servizos sociais,  urbanismo, recadación, vivenda, emprego, turismo, etc.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 49 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
52.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a elaborar e remitir á Cámara galega, no actual período de sesións, un informe sobre a implementación da Lei orgánica 2/2010, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, e os seus resultados na nosa Comunidade. Deberá detallar, como mínimo: medidas de educación afectivo-sexual, métodos anticonceptivos e anticonceptivos de emerxencia e todo o relacionado cos embarazos non desexados e coa IVE.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 59 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
53.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a promover a eliminación dos anuncios de contactos de prostitución na internet e nos medios de comunicación na nosa Comunidade.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 69 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

54.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que as subvencións libradas á RAG o pasado ano por diversas partidas e conceptos se unifiquen nunha única, xa existente, de ´subvención anual´.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 77 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
55.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a promover a continuidade de Galicia no mapa financeiro, con entidades financeiras solventes, que faciliten o acceso ao crédito das empresas e familias galegas e eviten a exclusión financeira.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 88 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

56.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a promover e afondar na colaboración administrativa de cara á consecución dun sistema de transporte de mercadorías integrado e coordinado.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 134 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
57.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a favorecer a consolidación da carreira investigadora promovendo convocatorias anuais que permitan a incorporación á carreira investigadora dos novos titulados, mediante o itinerario das bolsas predoutorais, doutorais e posdoutorais. Ademais, dedicaranse recursos á captación de investigadores de referencia que traballen no exterior e favorecerase a consolidación dos investigadores Parga Pondal e categorías similares.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 160 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
58.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a promover, de acordo coas universidades e cos colectivos investigadores, a participación de grupos galegos de investigación nos programas de excelencia, como CÉNIT, Consolider e as convocatorias do Consello Europeo de Investigación.”
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 162 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
59.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a reforzar os grupos de investigación con persoal administrativo e de apoio, liberando os investigadores de tarefas alleas ao seu labor científico.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 163 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
60.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a presentar, no actual período de sesións, o Proxecto de lei do patrimonio cultural de Galicia.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 186 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

61.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que cumpra os seus compromisos e licite os centros de saúde que tiña propostos xa desde o ano 2010.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 199 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
62.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a elaborar,  no actual período de sesións,  para presentar no Parlamento de Galicia, un plan estratéxico de turismo, concertado coas administracións locais e co sector privado, que permita articular os diferentes recursos turísticos, co obxecto de diversificar a comercialización de produtos e mercados, supere a estacionalidade e aposte pola formación do capital humano e a protección dos contornos naturais.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 254 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
63.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado a fin de demandar a aplicación urxente do chamado ´paquete lácteo´ para que sexa efectiva na  próxima campaña láctea, que permita a concentración da oferta e a capacidade  de negociación colectiva dos produtores e o recoñecemento das organizacións de produtores de leite para a negociación dos contratos de entrega de leite, avanzando na contractualización obrigatoria no sector leiteiro que contemple sancións polos incumprimentos e a creación do ´mediador dos contratos´ que interveña cando non exista acordo nos procesos de contractualización no sector lácteo, así como o deseño dun plan de control dos procesos de contractualización obrigatoria no sector lácteo que permita mellorar a información do mercado lácteo e do prezo do leite achegando transparencia e estabilidade ao sector leiteiro.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 267 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
64.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a maximizar as competencias da Administración galega en materia de inspección de calidade e seguridade alimentaria, consumo e comercio, e intensificar a coordinación das actuacións de control na cadea de produción do leite co Goberno do Estado a fin de evitar os abusos aos produtores, o dumping e outras prácticas comerciais desleais, que achegue estabilidade ao sector leiteiro galego.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 269 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
65.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado o mantemento, como ata o de agora, nas direccións provinciais e comarcais do Instituto Social da Mariña as funcións de remitir os boletíns mensuais de cotización da frota artesanal e de baixura.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 293 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
66.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia á constitución do Consorcio Provincial de Ourense de Extinción de Incendios e de Salvamento, dando cumprimento á Lei 7/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 30 do G.P. dos Socialistas de Galicia).
 
67.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a contribuír na consolidación do sistema aeroportuario galego, facilitando e coordinando a intermodalidade co resto dos sistemas de transporte, así como fomentando a coordinación e actuacións conxuntas e integradas dos aeroportos galegos.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Proposta de resolución núm. 130 do G.P. dos Socialistas de Galicia)

68.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a desenvolver a Lei de medios de comunicación audiovisual de Galicia (Lei 9/2011, do 9 de novembro), respectando o cumprimento dos prazos na definición do mandato marco e demais instrumentos previstos na lei.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
 
69.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a solicitar ao Consello de Política Fiscal e Financeira o balance detallado da evolución do modelo de financiamento autonómico co fin de avaliar a posición de Galicia, a atención ás nosas singularidades e a dinámica de axuste aos actuais cambios económicos e sociais. Todo isto co fin de corrixir os problemas de funcionamento ou interpretación que poidan acontecer, e, no caso de que non responda das necesidades dinámicas da atención aos problemas dos galegos, promover no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira a reformulación do sistema de financiamento das comunidades autónomas para que se establezan criterios de distribución que teñan en conta as características especiais de Galicia. En todo caso, o límite do déficit para o ano 2012 non resultará inferior ao 1,5 % do PIB.”
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir das propostas de resolución núms. 83 do G.P. dos Socialistas de Galicia e 32 do G.P. Popular de Galicia).

70.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a crear e dotar dos medios e información precisa unha comisión de expertos, composta por técnicos das administracións locais galegas e da Xunta, e por proposta das forzas políticas con representación parlamentaria, a fin de elaborar un informe no que se analicen e avalíen as alternativas de reforma da Administración territorial galega, nos planos organizativo, normativo, funcional e financeiro, para adaptar as corporacións locais á actual conxuntura económica e ás novas demandas sociais.”
 
Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 53 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

71.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a trasladar ao Goberno de España a necesidade de acometer, no marco da nova lexislación básica en materia de réxime local, unha modificación da regulación das deputacións provinciais, reorientando as súas funcións cara á asistencia aos concellos de menos de 20.000 habitantes.”
Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 54 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

72.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a garantir o carácter de servizo público dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, rexeitando calquera aproximación á privatización futura da nova CRTVG.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 35 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

73.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a seguir impulsando nos órganos de cooperación coa rexión norte de Portugal unha solución doada que facilite a interconexión dos sistemas de telepeaxe nas autoestradas de ambos os países. O Parlamento insta a Xunta a que solicite ao Goberno central a incorporación deste asunto na axenda dun próximo cumio ibérico entre Portugal e España”.
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 47 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

74.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a promover que no desenvolvemento das áreas metropolitanas se faciliten os mecanismos que fagan posible a transferencia de funcións e de recursos económicos por parte das diferentes administracións, incluídas as deputacións provinciais.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 91 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

75.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a remitir, anualmente, ao Parlamento de Galicia un informe sobre o grao de cumprimento dos plans de industrialización derivados do concurso de adxudicación de parques de xeración eólica, indicando investimentos postos en marcha ou prazos reais para a súa execución, así como traballadores contratados a tempo completo ou equivalentes.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 242 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

76.ª resolución
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a esixir do Goberno de España a inmediata execución das obras do parador de turismo de Muxía e o seu desenvolvemento no menor tempo posible.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 258 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

77.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que demande ao Estado que tome as medidas necesarias para poñer en funcionamento, canto antes, por parte da Autoridade Portuaria de Vigo, a autoestrada do mar, que é básica para o desenvolvemento xeral de Galicia.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta de resolución núm. 299 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

78.ª resolución
 
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a reclamar do Goberno do Estado a transferencia das competencias en materia de formación profesional continua que persiga como obxectivo o traspaso a Galicia tanto da totalidade dos fondos, tendo como criterio o retorno da cota de participación realizada polas persoas traballadoras e a parte proporcional do Fondo Social Europeo, como das competencias asociadas para desenvolver en toda a súa dimensión unha plena capacidade de xestión do subsistema de formación continua en Galicia.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Proposta de resolución núm. 5 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego)

79.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a promover solucións aos titulares das participacións preferentes que compraron sen información axeitada e:
 
1. Instar o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores para que promova e se é o caso preste as autorizacións necesarias a Novagalicia Banco e ao resto das entidades financeiras para dar solución á recuperación do investimento realizado polos subscritores de participacións preferentes en Galicia que desexen recuperar os cartos investidos neste produto.
 
2. Instar as entidades financeiras que operan en Galicia e que emitiron participacións preferentes para que promovan unha solución aos subscritores de participacións preferentes que desexen recuperar os cartos investidos neste produto, permitindo aos afectados a recuperación íntegra do investimento realizado.
 
3. Apoiar e informar os posibles afectados pola comercialización das participacións preferentes sobre as vías de reclamación das que dispoñan a través das oficinas do Instituto Galego de Consumo.
 
4. O Instituto Galego de Consumo remitirá semestralmente á Comisión 3.ª do Parlamento un balance do número de afectados e das reclamacións presentadas nas súas oficinas.
 
5. Demandar das autoridades competentes o cumprimento estrito da normativa MiFID na comercialización no tramo retallista de produtos financeiros.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir das propostas de resolución núms. 12 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego, 39 do G.P. dos Socialistas de Galicia e 29 do G.P. Popular).

80.ª resolución
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para que defenda diante da UE, cara á reforma da PAC no Horizonte 2020, a política agraria común como estratéxica na Estratexia 2020, con suficientes fondos, cando menos coa mesma dotación para a PAC nos niveis actuais en termos reais, e que garanta a produción de alimentos seguros e suficientes coas mesmas garantías de reciprocidade para países terceiros e que manteña unha actividade agraria medioambientalmente sostible, competitiva e estendida no territorio con criterios de cohesión social, e que defenda a función social e territorial da actividade agraria, que contribúa e eliminar os actuais desequilibrios, á xeración de emprego e ao crecemento económico no medio rural, e que manteña dous piares: un primeiro piar de apoio ás rendas e mercados e un segundo piar de dinamización de desenvolvemento rural, tal que:
 
- Se dote de instrumentos de xestión de mercados eficaces e áxiles, así como conexos, cunha estrutura produtiva acaída e dotada de elementos como a continxentación de produción láctea, a regulación dos dereitos de plantación nas denominacións de orixe no sector vitivinícola e o reforzamento dos mecanismos de intervención.
 
- Se estableza un fondo lácteo cunha dotación orzamentaria suficiente e se implementen novos instrumentos que permitan reforzar o papel dos produtores na cadea de valor agroalimentaria, favorecendo a concentración da oferta, e mellorar a posición negociadora dos produtores potenciando o papel das organizacións de produtores e as relacións interprofesionais no sector agroalimentario cara á implantación de contratos obrigatorios no sector lácteo, acompañados de mecanismos de flexibilización das normas da competencia que permita aos agricultores e gandeiros obter unha remuneración xusta pola súa produción.
 
- As axudas se manteñan vinculadas ao mantemento da actividade agrogandeira, consolidándose a pretensión de considerar a creación de emprego como un factor de valorización e incremento dos pagamentos ás explotacións e que teña en conta as limitacións territoriais e ambientais específicas das explotacións galegas nas zonas singulares de clara vocación leiteira e de alta montaña, que teña en conta o tamaño das explotacións e de resposta ás necesidades das distintas orientacións e sistemas produtivos da agricultura e da gandaría en Galicia e aquelas explotacións menos dependentes dos inputs externos, rexeitando que as axudas do réxime de pagamento único estean ligadas á superficie e, en particular, defendendo o acceso aos pagamentos acoplados por riba do 10 % que se prevé na proposta de regulamento de pagamentos directos feito público pola Comisión Europea.”
 
Aprobada por unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.
 
(Resolución resultante da transacción elaborada a partir das propostas de resolución núms. 78 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego, 283 do G.P. dos Socialistas de Galicia e 38 do G.P. Popular).
 
 
 
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2012

Imaxes relacionadas