O Parlamento de Galicia edita un libro para explicar aos escolares galegos o funcionamento da Cámara

 
• Enmárcase na aposta de Pilar Rojo por abrir o Parlamento á sociedade e dar a coñecer o papel da institución entre os máis novos, nun exercicio de divulgación das institucións democráticas
 
• O traballo é obra de Roberto Blanco Valdés, catedrático de dereito constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, e conta con ilustracións de Pinto&Chinto

Santiago, 14 de xaneiro de 2012.- O Parlamento de Galicia acaba de editar un libro dirixido aos escolares galegos no que explica o traballo e as funcións que ten asignadas a Cámara lexislativa autonómica.
 
Titulado “Libro, ou mellor libriño divertido para saber máis do Parlamento galego do que se sabía antes de lelo”, o volume é obra do catedrático de dereito constitucional da Universidade de Santiago de Compostela Roberto Blanco Valdés, e conta con ilustracións de Pinto&Chinto.
 
Aposta por abrir o Parlamento
 
A publicación deste libro enmárcase na aposta da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, por abrir a institución ao conxunto da sociedade e moi particularmente aos máis novos.
A obra será distribuida, a partir de agora, entre os escolares que visiten o Parlamento de Galicia no marco do programa de visitas guiadas.
 
Segundo explica Pilar Rojo no prólogo da obra, con este libriño preténse achegar aos escolares que visiten a Cámara que é e como funciona o Parlamento, pero sobre todo conciencialos sobre a transcendencia desta institución no xogo de equilibrios entre poderes nunha sociedade democrática.
 
Divulgar as institucións
 
Entende a presidenta da Cámara que, canda o esforzo encamiñado a mellorar as destrezas dos rapaces en áreas como os idiomas ou as tecnoloxías da información, compre avanzar tamén para divulgar as institucións democráticas.
“Un mellor coñecemento da estrutura e do funcionamento do noso sistema autonómico e das diferentes institucións que o integran son claves para construír unha sociedade máis madura e participativa, que faga do respecto e da concordia os elementos inspiradores do seu día a día”, afirma a presidenta do Parlamento de Galicia no referido prólogo.
 
Ao longo de 70 páxinas,  o traballo explica, nunha linguaxe sinxela e amena, as orixes da Cámara galega, con referencias amplas á Constitución e ao Estatuto de Autonomía de Galicia.
 
Os escolares que se adentren na lectura deste libro tamén coñecerán as funcións da Xunta de Galicia, o sistema de poderes e mesmo o sistema electoral.
 
O libro recolle tamén completas explicacións sobre a organización e funcionamento da Cámara galega, o procedemento lexislativo e as funcións de control democrático que o Parlamento de Galicia exerce sobre a Xunta, entre outros aspectos.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

 

Imaxes relacionadas