O Parlamento de Galicia remata o ano 2011 con 14 leis aprobadas e situándose como a Cámara autonómica que máis horas dedica ao traballo en Pleno


• Pilar Rojo agradece a boa acollida dispensada ás diferentes actividades orgaizadas para conmemorar o 30 aniversario da institución
 
• Durante o ano no que o Parlamento de Galicia conmemorou as súas tres décadas de historia, a presidenta da Cámara asumiu a Presidencia da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (COPREPA)

Santiago, 30 de decembro de 2011.- O Parlamento de Galicia conclúe o ano 2011 cun total de 14 leis aprobadas, consolidándose, ademais, como a Cámara lexislativa autonómica que máis horas dedica aos debates en Pleno.
No ano 2011, o Parlamento de Galicia aprobou 14 leis  e un decreto lexislativo. Trátase dos seguintes textos:
 
o Lei 1/2011, do 28 de febreiro, reguladora do Consello Galego da Competencia
o Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira
o Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia
o Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa
o DECRETO LEXISLATIVO 1/2011, do 28 de xullo, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado
o Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
o Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras.
o Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
o Lei 8/2011, do 9 de novembro, do Plan galego de estatística 2012-2016.
o Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.
o Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria
o Lei pola que se modifica a Lei 5/1988, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia
o Lei reguladora da política industrial de Galicia
o Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012
o Lei de medidas fiscais e administrativas
 
A Cámara que máis traballa en Pleno
 
Ao rematar o ano 2011 acredítase tamén que o Parlamento de Galicia se consolida como a Cámara autonómica que máis horas dedica ao debate parlamentario en Pleno, con 943 horas entre maio de 2009 e novembro de 2011,  fronte ás 601 horas do Parlamento de Andalucía e as 599 horas no mesmo período do Parlamento Vasco, os dous máis activos despois do galego.
 
Consenso
 
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, expresa a súa satisfacción polos consensos acadados neste período, e que son especialmente significativos nas iniciativas de impulso á acción de Goberno, cun elevado número de proposicións non de lei aprobadas por unanimidade.
 
Conmemoración do 30 aniversario do Parlamento
 
Rojo Noguera agradece, ao mesmo tempo, a excelente acollida recibida polas diferentes inciativas organizadas ao longo do segundo semestre deste ano para conmemorar o 30 aniversario da Cámara autonómica, constituida no Pazo de Xelmírez o 19 de decembro de 1981.
 
Entre as actividades programadas polo Parlamento de Galicia para conmemorar as súas tres décadas de historia destacan as seguintes:
 
o Exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, inaugurada o pasado mes de xullo na sede da Cámara e que afonda nas orixes e as dúas primeiras lexislaturas do Parlamento de Galicia. Tamén se editou un catálogo da mostra.
o Publicación dun libro sobre os 30 anos do Parlamento de Galicia, que todos os interesados poden consultar na web da institución.
o Acto institucional de homenaxe aos exdeputados, celebrado o día 30 de novembro.
o Descubrimento dunha placa conmemorativa na primeira sede provisional do Parlamento, no Pazo de Xelmírez.
o Pleno Solemne conmemorativo, celebrado o 19 de decembro.
o Ciclo de charlas itinerantes para alumnos de Bacharelato, organizado polo Parlamento de Galicia e a Asociación de exdeputados.
o Concurso escolar.
o Xornada de Portas Abertas.
 
Presidencia da COPREPA
 
Durante o ano no que o Parlamento de Galicia celebrou o seu 30 aniversario, a presidenta da Cámara foi elixida para presidir a Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (COPREPA), feito que pon de manifesto que Galicia volve contar con peso especifico no escenario estatal.
 
O Parlamento de Galicia preside tamén un grupo de traballo na CALRE sobre modelos institucionais, co que a Cámara autonómica lidera por vez primeira en Europa un proxecto deste tipo.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas