Pilar Rojo: “Estes trinta anos foron os de maior desenvolvemento da historia de Galicia”

Pleno Solemne de conmemoración do 30 aniversario do Parlamento de Galicia
 
 
 
• “Esta conmemoración é proba da consolidación da nosa autonomía e da evolución do seu autogoberno, posible, en gran parte, por mor do afianzamento competencial”
 
• Para facer fronte ás dificultades do momento, Pilar Rojo aboga por mellorar a calidade do traballo parlamentario, buscar a proximidade aos cidadáns e avanzar en transparencia para gañar confianza, responsabilidade e participación
 
Santiago, 19 de decembro de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, afirmou este mediodía, no Pleno Solemne conemorativo do triséximo aniversario da Cámara lexislativa galega, que “estes trinta anos foron os de maior desenvolvemento da historia de Galicia”. E “o Parlamento comandou tal avance  grazas ao esforzo dos seus deputados e deputadas que souberon comprender a súa época e construír pontes entre a tradición e a modernidade, outorgándolle a esta Cámara a centralidade que lle corresponde no conxunto do sistema”.
 
Nunha intervención precedida polos discursos dos portavoces dos tres grupos parlamentarios, Rojo Noguera felicitouse de que a desconfianza que rodeou os momentos iniciais do Parlamento, constituido tal día coma hoxe, o en 1981, no Pazo de Xelmírez, “quedou atrás”. Por iso, e tomando unha expresión escrita no claustro de Fonseca, en Santiago, a presidenta da Cámara amosouse convencida de que ao celebrar o 30 aniversario do Parlamento, “Gallaecia fulget, ´brilla Galicia´”.
 
Rendeu homenaxe Pilar Rojo a cantos ao longo destas tres décadas formaron parte da institución lexislativa galega e moi especialmente “aos que xa non están entre nós, aínda que o seu recordo sempre permanecerá latente”.
 
Consolidación da autonomía
 
Na súa opinión, a conmemoración de hoxe “é proba da consolidación da nosa autonomía e da evolución do seu autogoberno, posible, en gran parte, por mor do afianzamento competencial”.
 
Para a presidenta do lexislativo galego, no día de hoxe, “atopámonos cunha Cámara plenamente consolidada, que tentou asentarse na procura da excelencia e que se converteu no eixo básico para a conformación da opinión pública galega. Este poder lexislativo mostrou un alto rendemento institucional comprometido en todo momento cos valores democráticos e coas libertades públicas”.
 
Sobre o fenómeno da ciberdemocracia, Rojo Noguera valorou a implementación destes instrumentos dixitais, aclarando, sen embargo,  que se trata de “medios instrumentais, non de fins en sí mesmos”. Ao seu xuizo, “a esencia da democracia segue a ser o substrato axiológico de liberdade, pluralismo e participación”.
 
Facendo balance do tempo transcurrido desde a primeira sesión constitutiva da Cámara, Pilar Rojo considerou que as fortalezas destes trinta anos “son una ensinanza para o labor do presente”, mentres que “as debilidades servirán para corrixir  os erros e mellorar as elevadas posibilidades das funcións parlamentarias”. “Este é –insistiu- o noso desexo de mellora continua”.
 
Dificultades do momento
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento de Galicia fixo tamén referencia ás características do momento actual, “unha época difícil para os sistemas políticos, sometidos a tensións e desaxustes ante demandas de todo tipo”, nunha sociedade “esixente e formada, que reclama dos poderes públicos continuas respostas”. 
 
Novo escenario
 
Neste escenario, Pilar Rojo aboga por un Parlamento “dinámico, áxil e moderno, que responda desde a calidade do seu traballo a esta situación na que a representación se atopa dispersa e fragmentada”. Por iso, a permanente procura da proximidade aos cidadáns “é a única vía para que o proceso de toma de decisións sexa xusto e adecuado á realidade do presente”.
 
A presidenta da Cámara tamén apostou pola transparencia, que “debe acompañarnos nas nosas tarefas para lograrmos niveis máis altos de confianza, responsabilidade e participación”.
 
Con todo, “o recurso ás novas tecnoloxías daranos posibilidades antes inexistentes para dinamizar a participación e captar algúns dos esquemas poliédricos do pluralismo deste século”.-
 
Expresidentes da Xunta e do Parlamento
 
Antes de dar comezo o Pleno Solemne conmemorativo do 30 aniversario da institución, a presidenta da Cámara recibiu no seu despacho cos expresidentes da Xunta e do Parlamento que asistiron ao acto. Todos eles asinaron no libro de ouro do Parlamento de Galicia.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas