Pilar Rojo: “No mesmo lugar no que trinta anos atrás botou a andar o Parlamento, reiteramos o noso compromiso inquebrantable con Galicia”

• O Parlamento de Galicia descobriu hoxe unha praca conmemorativa na Sala Principal do Pazo de Xelmírez, onde hai tres décadas se celebrou a primeira reunión da Cámara
 
• A presidenta do Parlamento agradece á Igrexa Compostelana a hospitalidade brindada á Cámara nun momento no que non todos confiaban no éxito do senda autonómica que Galicia iniciaba daquela
 
Santiago, 16 de decembro de 2011.- “No mesmo lugar no que trinta anos atrás botou a andar o Parlamento de Galicia, reiteramos hoxe o noso compromiso inquebrantable con Galicia, e co obxectivo permanente de contribuir a edificar, cada día, unha sociedade aberta e plural que a todos acubille”.
 
Son palabras da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, esta mañá, logo de descubrir unha praca conmemorativa no Salón Principal do Pazo de Xelmírez, recordando que hai tres décadas, neste mesmo lugar, se celebrou a primeira sesión constitutiva da Cámara galega, o 19 de decembro de 1981.
 
O acto que contou coa asistencia do alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa; do arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio; o expresidente do Parlamento, Tomás Pérez Vidal; exdeputados da primeira lexislatura; así como os actuais portavoces e membros da Mesa da Cámara.
 
A presidenta do Parlamento e mailo arcebispo de Santiago descubriron unha placa que desde hoxe deixará testemuño da condición de Xelmírez como primeira sede provisional do lexislativo galego.
 
Grazas pola hospitalidade da Igrexa Compostelana
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento dixo acurir á sede episcopal de Xelmírez “a decir grazas, pola hospitalidade que a Igrexa Compostela lle brindou ao Parlamento de Galicia neses momentos iniciais e cruciais, nos que non todos confiaban no éxito da senda autonómica que a nosa Comunidade se dispoñía a percorrer, dando así cumprimento ás arelas de autogoberno longamente agardadas polos nosos devanceiros”.
 
Trinta anos despois, e malia os desafíos do momento actual, Rojo Noguera considerou que “a aventura autonómica iniciada neste lugar se converteu nun feito real que camiña, consolidado, con paso decidido”. Por iso, “a Galicia universal á que, ben seguro, xa aspiraba nove séculos atrás o arcebispo Don Diego Xelmírez, está hoxe máis preto dos seus obxectivos”.
 
Compromiso e traballo dos primeiros deputados
A presidenta do Parlamento de Galicia atribuíu o éxito do modelo autonómico galego ao “compromiso e o traballo de persoas como as que hoxe nos acompañan, deputados que formaron parte da primeira lexislatura do Parlamento de Galicia, á que prometeron ou xuraron servir nesta mesma sala nun momento nada doado da nosa historia contemporánea”.
 
A xuízo de Pilar Rojo, “uns e outros, máis aló das siglas nas que militaban, compartían, como compartimos hoxe os que tivemos a honra de sucedelos, valores universais forxados ao longo de séculos de evolución, particularmente nesta Europa nosa, peregrina a Compostela, como o respecto ao próximo, a pluralidade, a igualdade de oportunidades ou a non discriminación”.
 
O vindeiro luns, 19 de decembro, data na que se cumplirán 30 anos da constitución da primeira lexislatura, o Parlamento de Galicia acollerá unha sesión solemne conmemorativa, que contará coa intervención dos portavoces dos tres grupos parlamentarios e da presidenta da Cámára.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas