O Parlamento de Galicia edita un libro que recompila os 30 anos de historia da institución

A presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e mailo autor da obra, Rafael L. Torre, presentaron o libro que “enche un baleiro  documental e bibliográfico”
 
 
O Parlamento de Galicia edita un libro que recompila os 30 anos de historia da institución
 
 
• Rojo Noguera destaca que o libro foi elaborado baixo tres premisas: rigor, síntese e pluralidade

• O Parlamento publicará a obra na súa páxina web con formato de libro electrónico

Santiago, 7 de decembro de 2011.-  A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, presentou hoxe o libro editado para conmemorar o trixésimo aniversario da Cámara, un volume escrito por Rafel L. Torre, que “enche un baleiro documental e bibliográfico sobre a primeira institución de Galicia” e brinda unha “visión de conxunto” sobre estas tres décadas de historia.
 
Pilar Rojo destacou que este libro mantén a liña argumental da exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, aberta ao público na sede do Parlamento desde o pasado mes de xullo.
A presidenta do Parlamento destacou que para a elaboración do libro se tiveron en cota tres premisas fundamentais: “máximo rigor no contido”,  “esforzo de síntese, xa que non resulta doado resumir oito lexislaturas”, e “pluralidade, sen máis limitacións que as derivadas do soporte en papel”.
 
Sobre o contido, Rojo Noguera apuntou que a obra “permite rescatar do esquecemento feitos e acontecementos sen os que non se pode entender a historia contemporánea de Galicia”.
 
O valor histórico e sentimental da entrevista con Victorino Núñez, foi destacado por Pilar Rojo, dado que a publicada neste libro foi a derradeira entrevista que concedeu o expresidente do Parlamento de Galicia, que falecería pouco tempo despois da conversa.
 
Arquivo dixitalizado
A presidenta do Parlamento adiantou que o material documental e gráfico do Parlamento de Galicia quedará, nun futuro próximo, a disposición dos investigadores e de todos os interesados unha vez se execute o proceso de dixitalización que a Cámara se dispón a acometer.
 
Nesta mesma liña, e como xa se fixo como volume editado polo Parlamento sobre os estatutos de Galicia, o traballo presentado hoxe, será publicado na páxina web da institución como libro electrónico, para facilitar a súa consulta e descarga de balde a todos os interesados.
 
Crónica dos 30 anos do Parlamento
Na presentación, o autor do libro, o xornalista Rafael L. Torre, explicou que o seu obxectivo foi facer unha crónica destes 30 anos de historia da institución, usando para iso material documental e gráfico, pero tamén as testemuñas persoais dos principais protagonistas.
 
De todo o traballo realizado, iniciado hai ano e medio, López Torre admitiu que a selección do material gráfico foi a parte máis complicada, tanto polas dificultades de identificar aos protagonistas das imaxes, como pola localización de determinadas fotografías.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas