Pilar Rojo reivindica “o papel da política e dos políticos” nun acto de homenaxe aos deputados que integraron o Parlamento de Galicia durante os seus 30 anos de vida

O Parlamento de Galicia homenaxeu a todos os exdeputados nun acto que contou coa participación do presidente da Xunta
 
 
 
• “A Galicia dos nosos días é o que é, en gran parte, gracias á capacidade de autogoberno que se foi articulando a partir das súas institucións autonómicas” aseverou Rojo Noguera
 
• A presidenta do Parlamento rende “público tributo aos protagonistas destas tres décadas de historia: deputados, funcionarios da institución e xornalistas, pero tamén aos cidadáns, que co seu voto decidiron e deciden a composición da Cámara”

Santiago, 30 de novembro de 2011.- Nos tempos actuais, “faise necesario, desde a sede do poder lexislativo, reivindicar o papel da política e dos políticos, como lexítimos representantes dos cidadáns, porque a democracia representativa é o mellor de cantos  sistemas de Goberno se levan sucedido ao longo da historia”. Son palabras da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, nun acto celebrado este mediodía para homenaxear a todas as persoas que, desde a constitución da Cámara, o 19 de decembro de 1981, teñen ocupado un escano no Parlamento de Galicia.
 
O acto desenvolveuse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia coa asistencia de preto de 200 persoas. Contou coa  intervención de Pilar Rojo, presidenta da Cámara; Alfredo Suárez Canal, en representación do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego; Francisco Xulio Cerviño González, en representación do Grupo Parlamentario Socialista; Xaime Pita Varela, en representación do Grupo Parlamentario Popular; Jesús María Fernández Rosende, presidente da Asociación de ex Deputados do Parlamento de Galicia; e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
 
Autogoberno
 
Pilar Rojo amosouse convencida de que “a Galicia dos nosos días é o que é, en gran parte, gracias á capacidade de autogoberno que se foi articulando a partir das súas institucións autonómicas, entre as que o Parlamento constitúe a auténtica e insubstituíble pedra angular”.
 
Ao seu xuízo, os deputados e deputadas que se teñen sucedido na Cámara ao longo destes 30 anos, contribuíron a “facer realidade a arela dos vellos galeguistas que aspiraban a construir unha Galicia con poder executivo e lexislativo de seu”.
 
Ao facer referencia aos cambios rexistrados en Galicia ao longo das últimas tres décadas, a presidenta da Cámara felicitouse  do incremento exponencial da presenza feminina, que pasou de tres mulleres na primeira sesión constitutiva,  ás 37 que ocupan un escano no hemiciclo a día de hoxe. Pilar Rojo tamén tivo un “recordo especial”  para os 42 ex deputados e ex deputadas falecidos  durante estas tres décadas, recordo que personalizou nos familiares que acudiron ao acto.
 
Ademais, a partir de hoxe, o Parlamento exhibirá cadanseu cadro no que se reflicte a composición de cada lexislatura, deixando testemuña da rotación que se vai producindo na Cámara.
 
Protagonistas de tres décadas de historia
 
Pilar Rojo insistiu en render “público tributo a todos os que dun ou doutro xeito foron e son os protagonistas destas tres décadas de historia –deputados, funcionarios da institución e xornalistas, pero tamén aos cidadáns que co seu voto decidiron e deciden a composición da Cámara”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas