Primeira reunión dos presidentes de Parlamentos autonómicos despois da constitución das novas cámaras


Foi convocada pola presidenta do Parlamento de Galicia e presidenta da COPREPA, Pilar Rojo, para realizar unha primeira toma de contacto e intercambiar información
 
 
Madrid, 5 de setembro de 2011.- Os presidentes dos parlamentos autonómicos de  Asturias, La Rioja, Murcia, Valencia, Aragón, Castilla y León, Castilla-La Mancha, Extremadura, Baleares, País Vasco, Cataluña, Cantabria, Canarias e Madrid participaron esta tarde, nas dependencias da Casa de Galicia en Madrid, nunha reunión convocada pola presidenta do Parlamento de Galicia e da COPREPA (Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos) para realizar unha primeira toma de contacto e intercambiar información sobre o funcionamento da organización na que están integradas todas as Cámaras lexislativas autonómicas.
 
A xuntanza celebrada esta tarde na Casa de Galicia en Madrid supón a primeira que celebran os presidentes dos diferentes parlamentos autonómicos despois das Eleccións autonómicas celebradas en 13 das 17 Comunidades Autónomas o pasado 22 de maio de 2011.
 
En concreto, celebráronse eleccións ás Cortes de Aragón, Xunta Xeral do Principado de Asturias, Parlamento das Illas Baleares, Parlamento de Canarias, Parlamento de Cantabria, Cortes de Castela-A Mancha, Cortes de Castela e León, Asemblea de Estremadura, Asemblea de Madrid, Asemblea Rexional de Murcia, Parlamento de Navarra, Parlamento da Rioxa e Cortes Valencianas.
 
Favorecer a interlocución
En declaracións aos medios, ao inicio da reunión, Pilar Rojo explicou que convocou esta xuntanza na súa condición de presidenta da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos co obxectivo de facilitar a interlocución entre todos os presidentes das cámaras autonómicas, boa parte dos cales tomaron posesión recentemente, intercambiar experiencias e actualizar información, ademais de abordar asuntos relacionados coa COPREPA e a CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa).
 
Entre outros asuntos, os presidentes foron informados sobre o funcionamento da denominada “Red-Parlamenta”, impulsada pola COPREPA para o intercambio de documentación e información de interese parlamentario entre as distintas Cámaras. A día de hoxe están adheridos a esta rede un total de once parlamentos autonómicos.
 
Unha vez concluída a reunión xeral, celebrouse unha xuntanza da Comisión Permanente da COPREPA para preparar a próxima reunión da CALRE.
 
Austeridade
En declaracións aos xornalistas, Pilar Rojo recordou que Galicia foi unha Comunidade “pioneira” na adopción de medidas de austeridade, tanto desde a Xunta como desde o Parlamento.
 
“Todas as actuacións que se están levando a cabo, tanto desde o Goberno como desde o Parlamento, están impregnadas dese espírito. E, ademais, parécenos que non pode ser doutra maneira dada a situación na que estamos”, concluíu.
 
 

Imaxes relacionadas