O Parlamento de Galicia publica unha edición facsimilar dos estatutos de 1936 e de 1981 que se poderá descargar de balde desde a web da institución

• Pilar Rojo sinala que coa edición deste volume trátase de superar o “descoñecemento” que rodea estes dous estatutos a través dun “documento divulgativo pensado para poñer en valor a nosa historia”
 
• O libro conta tamén con cadanseu texto dos catedráticos Ramón Villares e Roberto Blanco Valdés
 
Santiago, 27 de xullo de 2011.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, presentou hoxe o libro “Os estatutos de autonomía de Galicia, 1936-1981”, unha edición facsimilar dos dous textos, editada con vocación divulgativa, e que se poderá descargar de balde desde a páxina web da institución (www.parlamentodegalicia.es).
 
Ao publicar nun único volume os textos do Estatuto do 36 (optouse pola edición facsimilar do texto editado pola Asemblea de Municipios e plebiscitado o 28 de xuño de 1936) e do Estatuto en vigor (aprobado no referendo que tivo lugar  o 21 de decembro de 1980 e que foi promulgado o 6 de abril de 1981) “o Parlamento de Galicia enche o oco de descoñecemento” que rodea o proceso de elaboración deses dous textos estatutarios, segundo Pilar Rojo. Ao acto asistiron os portavoces parlamentarios dos tres partidos con representación na Cámara autonómica.
 
Outra das novidades é que este volume inclúe a primeira tradución do Estatuto do 36 de acordo coa actual normativa da lingua galega, tradución efectuada polo Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia.
 
Para a presidenta do Parlamento, a publicación deste volume permite superar un baleiro documental e, sobre todo, “pon a disposición do conxunto da sociedade galega un documento divulgativo pensado para poñer en valor a nosa historia”.
 
Libro ameno
O libro inclúe, ademais, cadanseu texto dos catedráticos Ramón Villares e Roberto Blanco Valdés que “cautivará ao lector desde o primeiro momento”, en palabras de Pilar Rojo. Un libro “ameno”, agregou, e pensado para un “público amplo e heteroxéneo”.
 
No libro, prologado por Pilar Rojo, Ramón Villares analiza o Contexto Histórico dos estatutos de autonomía de Galicia. Da utopía de 1936 á realidade de 1981, mentres que Roberto Blanco Valdés escribe sobre A longa viaxe da descentralización: tres constitucións, dous estatutos.
 
O feito de que este sexa o primeiro libro que a Cámara pon a disposición do público na súa páxina web non é casualidade. “É o noso xeito de contribuír a espallar o coñecemento da nosa historia e da realidade autonómica de Galicia, e máxime cando este achegamento se efectúa da man de expertos dunha talla como a dos dous que teño ao meu carón”, en referencia a Villares e a Blanco Valdés.

 

Imaxes relacionadas