O Comité Permanente da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) reúnese en Santiago

• Pilar Rojo, na súa condición de presidenta da COPREPA, actuará como anfitriona dunha reunión que abordará asuntos relacionados co funcionamento da CALRE

Santiago, 21 de xuño de 2011.- O Parlamento de Galicia acollerá o vindeiro venres, 24 de xuño, unha xuntanza do Comité Permanente da Conferencia de Presidentes de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE).
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, actuará como anfitriona desta reunión na súa condición de actual presidenta da COPREPA (Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España).
 
A orde do día está integrada por asuntos relacionados coa organización interna da CALRE, como a aprobación da actas da reunión anterior, a supervisión dun informe sobre as actividades desenvolvidas polo presidente da CALRE -o italiano  Nazario Pagano, presidente do Consello Rexional de Abruzzo-, unha proposta referida á creación de grupos de traballo e os seus respectivos coordinadores.
 
Na reunión de Santiago tamén se abordará unha proposta do presidente da Cámara das Rexións, Herving Van Staa, encamiñada á aplicación dun acordo entre a CALRE e o Consello de Europa en materia de autoavaliación dos parlamentos rexionais, entre outros asuntos.
 
O Comité Permanente da CALRE, integrado por 15 presidentes de parlamentos rexionais, é o máximo órgano decisorio da Conferencia entre as diferentes Asembleas Plenarias.
 
O Plenario da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Rexionais Europeos está integrado por 74 rexións europeas pertencentes a 8 países diferentes.
 

 

Imaxes relacionadas