Unha delegación do Parlamento de Galicia visitará China convidada polas autoridades do país, interesadas en coñecer o funcionamento das institucións autonómicas

 
 
• Pilar Rojo impulsa esta iniciativa, xurdida das autoridades chinesas, por entender que o Parlamento pode contribuír á proxección exterior de Galicia e a abrir futuras  oportunidades para a economía galega nun territorio con grandes posibilidades
 
• O viceportavoz do Grupo Popular, Román Rodríguez, e mailo voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, centrarán a súa actividade na rexión autónoma de Mongolia Interior
 
• As autoridades chinesas, que están conformando o seu propio modelo de autonomía territorial, amósanse interesadas na experiencia de Galicia

 
Santiago, 13 de xuño de 2011.- Unha delegación do Parlamento de Galicia –integrada polo viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular, Román Rodríguez, e polo voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, acompañados polo director do IGADI, Xulio Ríos- efectuará unha visita a China a próxima semana, do 17 ao 22 de xuño, no marco dunha estratexia encamiñada ao estreitamento das relacións entre esta Comunidade Autónoma e o xigante asiático.
 
Esta proposta foi presentada meses atrás á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, que a impulsou por entender que a Cámara lexislativa autonómica debe aproveitar calquera oportunidade que contribúa a incrementar a  proxección exterior da Comunidade e permita abrir futuras  oportunidades para a economía galega nun territorio que ofrece
oportunidades e presenta un elevado crecemento.
 
Invitación chinesa
 
Esta visita responde á invitación formulada por unha delegación chinesa que visitou Galicia o pasado mes de abril para coñecer o funcionamento das institucións que articulan o sistema de autogoberno desta Comunidade Autónoma e constitúe o primeiro paso dunha aposta encamiñada a fortalecer as relacións económicas, políticas e académicas entre estes dous territorios.
 
As autoridades chinesas, que están conformando o seu propio modelo de autonomía territorial, amósanse interesadas na experiencia do modelo de autogoberno de Galicia.
Mongolia Interior
 
A visita da delegación galega terá como principal obxectivo a rexión autónoma de Mongolia Interior que, salvadas as distancias, presenta certos paralelismos con Galicia: conta cunha certa autonomía política, unha cultura e una lingua propias e non presenta problemas de convivencia e integración co conxunto do Estado chinés, a diferenza do que acontece con outros territorios como o Tibet ou a rexión de Xingjiang.
 
Creada no ano 1947, a Rexión Autónoma de Mongolia Interior foi o primeiro territorio ao que as autoridades chinesas outorgaron o exercicio dunha certa autonomía política. Este proceso non deixou de medrar co paso do tempo, ata o punto de que na actualidade existen en China un total de 155 entidades autónomas (5 rexións autónomas, 30 prefecturas e 120 distritos que exercen diferentes tipos de autonomía política).
Programa “Minzu”
 
A visita da delegación parlamentaria galega enmárcase no denominado Programa “Minzu”, impulsado polo Instituto de Etnoloxía e Antropoloxía da Academia de Ciencias Sociais de China e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e orientado a avanzar no intercambio de coñecementos, información e experiencias de interese.
 
Ademais de propiciar o achegamento nos ámbitos académicos e políticos, a delegación do Parlamento de Galicia tamén explorará as posibilidades de cooperación entre China e Galicia en materia económica, cultural, educativa e social, identificando, a tal efecto, os interlocutores  apropiados para cada caso.
 
Axenda
 
En Pekín, a delegación galega  manterá cadansúa  reunión de traballo na Comisión do Traballo dos Asuntos Nacionais da Asemblea Popular Nacional e cos investigadores da Academia de Ciencias Sociais que visitaron Galicia recentemente.
 
Xa en Mongolia Interior, os deputados galegos desenvolverán un programa de traballo deseñado polas autoridades locais e que inclúe reunións de traballo no Goberno da Rexión Autónoma, na Universidade, na Asemblea Popular, no departamento de Asuntos Exteriores, a Comisión de Desenvolvemento e Reforma e cunha empresa leiteira.
 
Cunha poboación total de 23,8 millóns de habitantes (dos que 6 millóns pertencen á etnia mongol), Mongolia Interior ocupa un vasto territorio de 1.183.000 km2 (2,3 veces superior á extensión de España) e está situada ao Norte de China.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas