Santalices homenaxea aos médicos rurais pola súa “entrega absoluta” ao exercicio da medicina

 
• O presidente do Parlamento de Galicia participou esta tarde na inauguración do Museo do Médico Rural, en Maceda, unha iniciativa única en España e en Europa
 
• Convida a reflexionar sobre os avances sanitarios rexistrados en Galicia no último medio século, onde se pasou dos menciñeiros á posibilidade de activar un complexo dispositivo asistencial na porta da casa con só unha chamada ao 061

Santiago, 5 de xullo de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde na inauguración do Museo do Médico Rural, unha novidosa iniciativa, única en España e en Europa polas súas características, que quedará aberta ao público no baixo da casa consistorial de Maceda (Ourense).
 
Que Galicia conte co primeiro museo dedicado aos médicos rurais é, para Santalices, un motivo de orgullo, na medida en que homenaxea a facultativos que “exerceron a medicina con entrega absoluta, suplindo as carencias técnicas cun enxeño e cunha pericia practicamente infinitos, e tamén co exercicio multidisciplinar, xa que a lugares aos que daquela apenas se podía chegar máis que a pé ou a cabalo, dificilmente podía chegar outra asistencia facultativa que non fose a do médico da vila”.
 
Valorar os avances sanitarios
 
Para Santalices, a inauguración deste Museo tamén invita a reflexionar sobre os avances sanitarios rexistrados en Galicia no último medio século. Neste tempo “pasamos –e cómpre lembralo- dunha Galicia de menciñeiros, compoñedores, supersticións e absoluta carencia de recursos de todo tipo, a dispoñer dun sistema sanitario público de vangarda, no que cunha simple chamada telefónica ao 061 podemos activar e situar na porta de calquera galego un complexo e avanzado  dispositivo asistencial, público e de balde. Convén telo presente, insisto, para valorar o que temos, xa que non estou seguro de que sexamos plenamente conscientes do que temos agora e de todo o que careciamos non hai tantas décadas”.
 
Proxección para Maceda
 
O presidente do Parlamento tivo verbas de recoñecemento para o impulsor do Museo do Médico Rural, o Dr. José Manuel Lage Parente, que logo dunha vida de exercicio da medicina rural nas terras de Maceda, “dedicou o seu tempo e o seu talento” a materializar este proxecto museístico.
 
Agradeceu tamén Santalices a colaboración brindada polos doutores Blanco Pérez e Pascual Lage, e a todos os que dun ou doutro xeito contribuíron a facer realidade esta idea. E felicitou ao alcalde de Maceda pola súa implicación. “Podes estar seguro de que este esforzo –afirmou, dirixíndose ao rexedor- se verá recompensado en forma de proxección para Maceda e a súa contorna”.
 
Santalices animou a todos os médicos e demais profesionais sanitarios que colaboraron na posta en marcha do Museo do Médico Rural  a que escriban e publiquen os seus recordos porque “son protagonistas e testemuñas de vivencias que non deberían perderse e son merecedoras de ser compartidas co conxunto da sociedade”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas