Acordos da Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, celebrada o 20-6-2019

A  Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 20 de xuño de 2019, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso

 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 48153 (10/PNC-003894)
Grupo Parlamentario de En Marea
Rodríguez Estévez, David e 2 máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego para evitar a incidencia que está a ter para as persoas usuarias da estrada OU-636, entre A Pobra de Trives e Freixido, a desaparición, co novo pintado, das zonas de adiantamento que había nas rectas
BOPG n.º 455, do 03.04.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a incluír na obra de mellora do trazado e o deseño da estrada que a Xunta de Galicia ten para a OU-636 o repintado da mesma valorando a modificación da sinalización horizontal que permita o adiantamento, sempre e cando se garanta o cumprimento das normas que regulan a distancia de visibilidade mínima necesaria en función da velocidade máxima permitida, co fin de priorizar, en todo caso, a seguridade viaria."
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 49864 (10/PNC-004038)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Núñez Centeno, Aurelio Alfonso e 7 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e a demanda que debe realizar ao Ministerio de Fomento en relación co estudo técnico referido á viabilidade da execución dunha nova conexión desde a autovía da Costa da Morte ata o parque empresarial de Vimianzo
BOPG n.º 479, do 22.05.2019
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1. Tan pronto teña aprobado definitivamente o proxecto de prolongación da Autovía da Costa da Morte, remitir ao Ministerio de Fomento o estudo técnico que se ten realizado sobre a viabilidade da execución dunha nova conexión desde esta vía de altas prestacións ata o parque empresarial de Vimianzo.
 
2. Dirixirse ao Ministerio de Fomento para solicitarlle a execución desta nova conexión co polígono de Vimianzo, como é o seu deber e responsabilidade, ao tratarse dun parque empresarial dependente de Suelo Empresarial del Atlántico, sociedade participada nun 83,44% polo Ministerio de Fomento, ao obxecto de incrementar o seu potencial e a súa competitividade”.

Imaxes relacionadas