Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 30 de abril de 2019

2.1 11763 (10/PNP-001067)
Grupo Parlamentario de En Marea
Santos Queiruga, Carmen
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa cota de reserva establecida no artigo 42 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 144, do 12.07.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“A.- O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
1.- Garantir e defender o cumprimento da cota de reserva establecida no art. 42 do Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade  e da súa inclusion social en toda a Administración pública galega.
2.- Poñer en marcha unha campaña para fomentar a sensibilización e o coñecemento da lexislación vixente en materia de integración das persoas con discapacidade na empresa privada.
 
3.- Garantir o cumprimento da lexislación en materia de contratos en relación ao cumprimento da cota de reserva ou das medidas alternativas para acceder a contratos públicos do sector público autonómico, así como introducir cláusulas sociais na contratación pública que incentiven ás empresas que implanten medidas para o impulso da inserción laboral de persoas con discapacidade, entre outras.
 
B.- O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España:
 
1.- Reforzar as actuacións da Inspección de Traballo na vixilancia do cumprimento da cota de reserva de emprego para persoas con discapacidade, segundo o establecido no artigo 42 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.
 
2.- Promover unha reforma da lexislación para seguir mantendo a prestación familiar por fillo con discapacidade a cargo, no caso de que este teña uns ingresos anuais procedentes de rendementos do traballo por enriba do 100 por cento do SMI”.
 
2.2 44048 (10/PNP-003282)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Fernández Fernández, Raúl e Pérez Seco, José Manuel
Sobre a modernización das estruturas produtivas agrarias e gandeiras coa finalidade de medir a consecución do obxectivo do aumento do peso das e dos produtores agrarios e gandeiros na cadea de valor, especialmente para as e os produtores do leite
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 417, do 23.01.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a apostar pola modernización das estruturas produtivas agrarias e gandeiras, dotándoas de base territorial, incorporando xente moza a novas unidades produtivas ben dimensionadas, cun seguimento público e verificable no relativo aos seus resultados anuais, coa finalidade de medir a consecución do obxectivo do aumento do peso das e dos produtores agrarios e gandeiros na cadea de valor, especialmente para os e as produtoras do leite”. 
 
2.5 48556 (10/PNP-003668)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa posible deslocalización da empresa Unitono en Ourense, que presta servizos para Naturgy
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 458, do 09.04.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego ás seguintes actuacións:
 
1.- Realizar as xestións oportunas co fin de determinar as razóns das intencións de deslocalizar e a situación da empresa en Ourense e poñer a disposición a colaboración da Xunta de Galicia coa finalidade de manter a actividade da empresa Unitono na súa plataforma situada no Parque Tecnolóxico de Ourense.
 
2.- Realizar xestións con Gas Natural Fenosa-Naturgy a fin de esixir que garanta a carga de traballo necesaria para o mantemento da empresa Unitono en Ourense e dos postos de traballo actualmente existentes.
 
3.- Constituír unha mesa de traballo plural na que se garanta a representación do Comité de Empresa, coa finalidade de desenvolver a colaboración para as actuacións necesarias para asegurar a carga de traballo necesaria para manter e actividade e os postos de traballo, evitando deste xeito a súa deslocalización.
 
4.- Presentar no actual período de sesións un estudo onde se analice a situación do sector dos centros de chamadas así como as necesidades para garantir a súa viabilidade, o seu futuro e o emprego en Galicia”.
 
2.6 48944 (10/PNP-003698)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 5 máis
Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa pena imposta na Audiencia Provincial da Coruña a un veciño de Lira (Carnota) por un incidente cun furtivo da comarca
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 463, do 17.04.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a solicitar ao Consello de Ministros  do  Goberno  español  a  concesión  discrecional  de  INDULTO  para  Manuel Antonio  Martínez  Lustres  en  relación  á  pena  que  se  lle  impuxo  en  autos  de Procedemento Abreviado nº 121/2016 seguidos ante a Ilma. Audiencia Provincial da Coruña Secc. nº 1, na actualidade en trámite de Executoria co nº 18/2019, ou cando menos que se lle exima de entrar en prisión en canto non se resolva a petición de indulto.”
 
2.7 48955 (10/PNP-003699)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 14 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa tramitación dunha modificación do Regulamento xeral de costas referida aos prazos das concesións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre.
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 463, do 17.04.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
 “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que demande do Goberno do Estado o seguinte:
 
- Que  se  dea  traslado  á  Xunta  dun  informe  exhaustivo  sobre  todas  as  concesións  que se  verían  afectadas  pola  modificación  do  regulamento  de  Costas.  En  concreto,  de todas aquelas que xa non poderían ser obxecto de prórroga algunha.
 
- Que de tramitarse unha modificación do regulamento de Costas se adapte á lei que lle sirve  de  cobertura  e,  polo  tanto,  que  se  retire  na  súa  redacción  actual  por  non axustarse a dita normativa.
 
- Que o procedemento de reforma do Regulamento xeral  de costas (RD 876/2014, do 10 de outubro) se desenvolva con escrupuloso respecto aos principios de legalidade, de xerarquía normativa consagrado no artigo 9.3 da Constitución española de 1978, e de transparencia na información relativa ao dito procedemento de reforma e coa participación de toda a cidadanía, sectores afectados e institucións, sometendo de novo a consulta pública o borrador de regulamento á vista das alegacións recibidas”. 
 
2.8 49151 (10/PNP-003716)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Tellado Filgueira, Miguel Ángel e 13 máis
Sobre a posición do Parlamento de Galicia respecto da solicitude do Goberno galego ao Goberno central dunha resposta inmediata á proposta para a implantación do Estaleiro 4.0 de Navantia Ferrol vinculado ao programa de construción de cinco fragatas F-110.
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 463, do 17.04.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia apoia á Xunta de Galicia na súa petición ao Goberno de España dunha resposta inmediata á proposta consensuada para a implantación do estaleiro 4.0 en Ferrol -vinculado ao programa de construción de cinco fragatas F110-, que suporá xeración dun número relevante de empregos e situará a Navantia na
vangarda tecnolóxica do sector naval.
O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
 
1.- Dar cumprimento ao punto 1 do artigo 4º da Lei do sector naval de Galicia, que establece que `a Xunta de Galicia negociará co Estado a súa participación na xestión das empresas públicas estatais integradas nos sector naval de Galicia que, pola súa natureza, non podan ser obxecto de traspaso para poñer fin á falta de información, coordinación e impulso ao naval galego e comprometerse de forma activa coa busca de carga de traballo suficiente opara a Ría de Ferrol que permita incrementar a actividade produtiva e o fomento do emprego de calidade.
 
2.- Comprometerse nas negociacións activas para ditar de carga de traballo aos estaleiros de Ferrol e evitar a previsible parada de produción e despedimentos dos anos que descorrerán entre a entrega das fragatas australianas e o inicio da construción das españolas.
 
3.- Dirixirse ao Goberno central para demandar:
a. Un meirande compromiso coa diversificación industrial na comarca de Ferrol, desenvolvendo un programa e calendario de recuperación do mercado naval civil.
 
b. Que pare de desviar produción para o sur do Estado, ao tempo que os estaleiros da ría de Ferrol están próximos a entrar nunha parálise da produción e se comprometa en dotar de carga de traballo para evitar unha crise entre a entrega das fragatas australianas e o inicio da construción das españolas.
 
c. O compromiso nos vindeiros exercicios orzamentarios das contías suficientes para a implantación do estaleiro 4.0 en Ferrol, axilizando ao máximo os seus prazos para garantir que se situará a Navantia na vangarda tecnolóxica so sector naval. Para isto, deberá comprometerse cun incremento considerable dos fondos e da porcentaxe do PIB”.
 
 

Imaxes relacionadas