O presidente do Parlamento destaca o potencial da emigración como “rede de proxección para Galicia e para España”

 
• Os integrantes da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas celebran unha reunión no Pazo do Hórreo un día antes de recibir a Medalla do Parlamento de Galicia á emigración galega 

Santiago, 5 de abril de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou hoxe que “máis aló das formalidades da insubstituíble diplomacia oficial, a nosa emigración conforma unha fabulosa rede de proxección para Galicia e para España”.
 
Santalices efectuou esta reflexión na inauguración da reunión que a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas celebra hoxe no Pazo do Hórreo, na véspera da entrega da Medalla do Parlamento de Galicia á emigración galega. A inauguración da xuntanza contou coa intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
Durante a xornada de hoxe, os integrantes da Comisión Delegada terán tamén oportunidade de reunirse con representantes dos grupos parlamentarios da Cámara galega.
 
O presidente do Parlamento sinalou que “a exemplaridade, honestidade, seriedade e bo facer persoal e profesional que caracteriza o comportamento dos integrantes das diferentes colectividades galegas” reforza a súa capacidade de proxección, ao tempo que recordou as “posibilidade de intercambio económico e cultural da man da empresas, institucións e entidades que contan con galegos nas súas estruturas”.
 
Santalices Vieira agradeceu á Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas que elixiran o Parlamento como sede para a reunión de hoxe. Insistiu en que o Parlamento de Galicia é a “casa de todas e todos os galegos, tamén dos galegos da emigración e os seus representantes, aos que recibimos cos brazos abertos”.
 
Recoñecemento xusto acordado por unanimidade
Recordou o presidente da Cámara que a Medalla do Parlamento de Galicia á emigración responde a un acordo unánime da Mesa  e constitúe “un acto de xustiza”.
 
“Tratamos de facer xustiza –agregou Santalices- e recoñecer o traballo, o sufrimento e a axuda das e dos emigrantes galegos de todos os tempos e en todos os lugares nos que estiveron e están asentados”.
 
A Medalla do Parlamento de Galicia á emigración será entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos.
 
A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas é o órgano que asume as funcións do Pleno do Consello de Comunidades Galegas cando este non estea reunido (reúnese cada tres anos). O Consello de Comunidades Galegas e o órgano colexiado de representación e de participación das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia e desempeña funcións consultivas e de asesoramento á administración autonómica en materia de emigración e galeguidade. Foi creado pola Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, aprobada polo Parlamento galego.
 
A elección da composición da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas corresponde ao Consello de Comunidades galegas conforme ao procedemento establecido pola Lei 7/2013, de 13 de xuño, da galeguidade.
 
Integrantes da Comisión Delegada
 
Catro comunidades galegas en representación das asentadas nas comunidades autónomas de España:
Electos:
 
• Unión de Asociacións Galegas en Catalunya (UAGALCAT)
• Centro Gallego de Salamanca
• Agrupación Hijos de Galicia en Sestao
• Lar Gallego de Sevilla

Catro comunidades galegas en representación das asentadas fóra de España en países de Europa, África e Asia:
 
• Xuventude de Galicia, Centro Galego de Lisboa (Portugal)
• Centro Cultural Gallego de Cuxhaven e. V. (Alemania)
• Centro Gallego de Londres (Reino Unido)
• Asociación Cultural ASC  - “As – Xeitosiñas” Grupo de Baile e Banda de Gaitas de Zürich”
 
Catro comunidades galegas en representación das asentadas en países de América e Oceanía:
 
• Unidad Gallega de los EE.UU. de América INC (Casa de Galicia) (Estados Unidos)
• Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo  (Uruguay)
• Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas (Argentina)
• Sociedad Cultural Rosalía de Castro (Cuba)
Natos:
 
Un representante por cada comunidade galega inscrita no Rexistro da Galeguidade que teña máis de 20.000 socios galegos:
 
• Casa de Galicia de Montevideo (Uruguay)
• Hermandad Gallega de Venezuela (Venezuela)

Entrega o 6 de abril
 
A Medalla do Parlamento de Galicia entrégase o 6 de abril de cada ano, coincidindo co aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia. En anteriores edicións, esta Medalla foi concedida aos expresidentes/as do Parlamento de Galicia (2016), á Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia), no ano 2017); e a  Cáritas diocesanas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS en 2018.
 
 

Imaxes relacionadas