O Parlamento concede a súa medalla á emigración galega

• A Mesa da Cámara adoptou o acordo por unanimidade e considera “de xustiza” recoñecer coa meirande distinción institucional do Parlamento a “grande epopea migratoria do pobo galego”
 
• A Medalla do Parlamento entrégase o 6 de abril de cada ano, aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía de Galicia
 
• Nesta edición será entregada ás entidades que integran a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
 
Santiago, 15 de marzo de 2019.- A Medalla do Parlamento de Galicia correspondente á edición de 2019 será entregada á emigración galega no seu conxunto logo do acordo unánime adoptado pola Mesa da Cámara.
 
No acordo de concesión, o órgano reitor do Lexislativo galego considera que “resulta de xustiza que a distinción  institucional que cada ano concede o Parlamento de Galicia recoñeza a grande epopea migratoria do pobo galego, que tivo como protagonistas a centos de milleiros de homes, mulleres e nenos que atravesaron medio mundo na procura dun futuro mellor, buscaron a integración social nun entorno moitas veces hostil e sempre descoñecido,  e traballaron sen desmaio mantendo sempre viva a memoria da súa Galicia natal, que cultivan e transmiten con mimo de xeración en xeración”.
 
“A historia contemporánea de Galicia –prosegue o acordo- non se entende sen a emigración, que deixou pegadas en practicamente todos os ámbitos: na economía, nas artes plásticas e nas letras, na educación ou en tantos outros”.

Galicia, en débeda coa emigración
 
A Mesa do Parlamento  estima que a Galicia territorial está en débeda con todas as galegas e galegos que nalgún momento das súas vidas, no pasado recente ou remoto, transitaron polo camiño da emigración.
 
A Medalla do Parlamento de Galicia á emigración será entregada aos 14 centros e entidades que integran a Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, como lexítimos representantes do conxunto da emigración galega de todos os tempos.
 
A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas é o órgano que asume as funcións do Pleno do Consello de Comunidades Galegas cando este non estea reunido (reúnese cada tres anos). O Consello de Comunidades Galegas e o órgano colexiado de representación e de participación das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia e desempeña funcións consultivas e de asesoramento á administración autonómica en materia de emigración e galeguidade. Foi creado pola Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, aprobada polo Parlamento galego.
 
A elección da composición da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas corresponde ao Consello de Comunidades galegas conforme ao procedemento establecido pola Lei 7/2013, de 13 de xuño, da galeguidade.
 
Integrantes da Comisión Delegada
 
Catro comunidades galegas en representación das asentadas nas comunidades autónomas de España:
Electos:
 
• Unión de Asociacións Galegas en Catalunya (UAGALCAT)
• Centro Gallego de Salamanca
• Agrupación Hijos de Galicia en Sestao
• Lar Gallego de Sevilla
Catro comunidades galegas en representación das asentadas fóra de España en países de Europa, África e Asia:
 
• Xuventude de Galicia, Centro Galego de Lisboa (Portugal)
• Centro Cultural Gallego de Cuxhaven e. V. (Alemania)
• Centro Galego de Londres (Reino Unido)
• Asociación Cultural ASC  - “As – Xeitosiñas” Grupo de Baile e Banda de Gaitas de Zürich”
 
Catro comunidades galegas en representación as asentadas en países de América e Oceanía:
 
• Unidad Gallega de los EE.UU. de América INC (Casa de Galicia) (Estados Unidos)
• Centro Pontevedrés Social y Deportivo de Montevideo  (Uruguay)
• Asociación Civil Hijos del Ayuntamiento de Zas (Argentina)
• Sociedad Cultural Rosalía de Castro (Cuba)
 
Natos:
 
Un representante por cada comunidade galega inscrita no Rexistro da Galeguidade que teña máis de 20.000 socios galegos:
 
• Casa de Galicia de Montevideo (Uruguay)
• Hermandad Gallega de Venezuela (Venezuela)

Entrega o 6 de abril
 
A medalla do Parlamento de Galicia entrégase o 6 de abril de cada ano, coincidindo coa promulgación do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia. En anteriores edicións, esta Medalla foi concedida aos expresidentes/as do Parlamento de Galicia (2016), á Comisión dos 16 (autores do anteproxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia), no ano 2017); e a  Cáritas diocesanas, COGAMI e Aldeas Infantiles SOS en 2018.

Imaxes relacionadas