O Parlamento de Galicia organiza dúas xornadas conmemorativas do 40 aniversario da Constitución


 
• Celebraranse os días 3 e 21 de decembro e contarán coa participación de xornalistas, catedráticos e profesores universitarios, historiadores, políticos da transición e portavoces parlamentarios

Santiago, 1 de decembro de 2018.- O Parlamento de Galicia acollerá, ao longo do mes de decembro, dúas xornadas conmemorativas do 40 aniversario da Constitución española, que contarán coa participación de xornalistas, catedráticos e profesores universitarios, historiadores, políticos da transición e portavoces parlamentarios.
 
A primeira xornada celebrarase o próximo luns, 3 de decembro, e levará por título Análise dos 40 anos da Constitución española desde a perspectiva de Galicia, mentres que a segunda, que se celebrará o 21 de decembro, denominarase Da Constitución española de 1978 ao Estatuto de Autonomía de Galicia.
 
3 de decembro
 
A primeira deste ciclo de dúas xornadas, a do 3 de decembro, comezará cunha conferencia na que a xornalista Pilar Cernuda falará  sobre 40 anos da Constitución. Perpectiva galega na prensa de Madrid. Celebrarase, de seguido, unha mesa redonda titulada Galicia e os 40 anos da Constitución. Aqueles primeiros anos desde a prensa galega, moderada por Javier García Sánchez, coa participación dos tamén xornalistas José Manuel Rivas Troitiño, Encina Ramos e Aurea Sánchez.
 
Seguiralle unha mesa redonda sobre A Constitución de 1978 vista desde as universidades galegas, que será moderada polo catedrático de Dereito Constitucional e primeiro reitor da Universidade da Coruña, José Antonio Portero Molina, coa participación de Roberto Blanco Valdés (Universidade de Santiago), Ana María Aba Catoira (Universidade da Coruña) e José Agustín González-Ares Fernández, (Universidade de Vigo).
 
A derradeira mesa redonda desa xornada, moderada polo xornalista Jesús Fontenla, versará sobre A Constitución de 1978: pasado, presente e futuro, e contará coa participación da viceportavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Patricia Vilán Lorenzo; e dos portavoces do Grupo Parlamentario de En Marea, Luis Villares; e do  Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Pedro Puy Fraga. Foron convidados os catros grupos parlamentarios representados na Cámara.
 
A clausura da xornada correrá a cargo do vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela; e do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
21 de decembro
 
Baixo o título Da Constitución española de 1978 ao Estatuto de Autonomía de Galicia, a xornada prevista para o 21 de decembro comezará cunha conferencia do historiador e catedrático de historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela Justo Beramendi González, que falará sobre 38 anos do referendo do Estatuto de Autonomía de Galicia. Contexto histórico. Será presentado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco.
 
Acto seguido, está prevista unha mesa redonda, moderada por Ramón Villares Paz, catedrático de historia contemporánea da USC e ex-presidente do Consello da Cultura Galega, titulada Da Constitución do 78 aos pactos do Hostal. Participarán José Luís Barreiro Rivas (AP), José Rivas Fontán (UCD), Francisco Vázquez Vázquez (PSdeG-PSOE), Luis Sobrado Fernández (PG) e Carlos Barros Guimeráns (PCG).
 
A derradeira mesa redonda da xornada analizará O Estatuto de Autonomía de Galicia: balance e perspectiva, e contará coa participación dos portavoces do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga; do Grupo Parlamentario de En Marea, Luis Villares Naveira; e do  Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Pedro Puy Fraga. Sera moderada pola xornalista Carmen Lourido.
 
Inscrición a través da web do Parlamento
 
O programa completo das xornadas, así como o formulario de inscrición para as persoas que desexen asistir están dispoñible na web do Parlamento de Galicia: https://goo.gl/8qAxQU. As xornadas son abertas ao público, previa inscrición. Os asistentes recibirán diploma de asistencia.
 
A clausura desta segunda xornada correrá a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que será precedido no uso da palabra polo titular do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas