Declaración institucional sobre Alcoa

O Parlamento de Galicia quere reafirmar o compromiso co mantemento da  actividade e o emprego en Alcoa, así como trasladarlle o seu apoio aos traballadores e ás traballadoras da planta da Coruña.
Lamentamos e rexeitamos a decisión unilateral da empresa de pechar tanto a instalación coruñesa como a que ten en Avilés, e demandámoslle a busca de alternativas para unha factoría que constitúe unha peza clave do tecido produtivo galego.

O Parlamento de Galicia comprométese a impulsar todas as administracións para, desde a unidade de acción,  instar a compañía Alcoa a retirar o expediente de extinción de emprego que pesa sobre todos os traballadores e as traballadoras, e abrir unha mesa de negociación con todas as partes implicadas para atopar unha solución urxente que garanta o mantenemento da actividade empresarial e o emprego; e a achegar seguridade e permitir ao conxunto das empresas electrointensivas competiren en igualdade de condicións co resto de factorías a nivel internacional.

 Os e as representantes dos galegos e as galegas comprometémonos a facer unha fronte común para seguir defendendo os dereitos dos traballadores e das traballadoras de Alcoa e o futuro desta industria en Galicia.
 
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2018

Imaxes relacionadas