Santalices felicita ao Instituto Padre Sarmiento polos seus 75 anos de traballo e recorda que “sen as humanidades, a sociedade está abocada ao fracaso”

 
• O presidente do Parlamento rende homenaxe aos integrantes do Seminario de Estudos Galegos, disolto en 1936
 
Santiago, 22 de outubro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou hoxe a importancia da investigación humanística na medida en que “sen a aportación das humanidades, a sociedade estaría rotundamente abocada ao fracaso”.
 
Santalices participou esta tarde no acto académico celebrado no Hostal dos Reis Católicos para conmemorar o 75 aniversario da creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e que foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia.
 
Neste escenario, o presidente do Parlamento felicitou a Eduardo Pardo de Guevara, delegado institucional do CSIC Galicia e director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, ao seu equipo e ás persoas que os precederon polo “traballo silencioso que día a día desenvolven”.
 
Homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos
 
Santalices aproveitou a súa intervención para “render homanexe” aos integrantes do Seminario de Estudos Galegos e ao “fecundo traballo” que desenvolveron ao longo dos 13 anos de vida da entidade, entre 1923 e 1936, ano no que foi disolto e os seus integrantes “correron a peor das sortes”. Recordou que “uns foron fusilados ou paseados e outros exiliados, mentres que un terceiro grupo padeceu a represión na súa propia terra”.
 
Malia súa “abrupta disolución, a semente do Seminario prendera con forza e, con todas as dificultades de aquel momento, volveu agromar paseniñamente, en 1943, como Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento adscrito ao Consello Superior de Investigacións Científicas”, agregou o presidente do Parlamento de Galicia.
 
Apuntou Santalices que o autogoberno que boa parte dos integrantes do Seminario de Estudos Galegos arelaban para Galicia “á hoxe unha realidade fecunda”. Ao seu xuízo, “continuar transitando por sendas de entendemento e de concordia non só é unha necesidade imperiosa, senón unha obriga moral na que cada quen debe empeñar todas as súas enerxías”.
 
O salón artesonado do Pazo de Fonseca, no que durante algúns anos se reunía o Pleno do Parlamento de Galicia antes de se trasladar ao Pazo Hórreo foi, no seu momento, o espazo no que se recollían e amosaban as coleccións do Seminario de Estudos Galegos.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas