Unha delegación dos departamentos colombianos de Caldas e Risaralda visita o Parlamento de Galicia

• O Concello de Caldas de Reis actúa como anfitrión da visita, no marco da conmemoración do 250 aniversario do nacemento do científico colombiano Francisco José de Caldas, de orixe galega
 
Santiago 14 de setembro de 2018.- Unha delegación dos departamentos colombianos de  Caldas e Risaralda visitou este mediodía o Parlamento de Galicia, onde foi recibida polo titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
A visita do Parlamento enmárcase nas actividades organizadas para conmemorar o 250 aniversario do nacemento do prócer e científico colombiano  Francisco José de Caldas (1768-1816), tamén coñecido como “El sabio Caldas” ou “Caldas, el Gallego”, polas súas orixes galegas. Participou tamén na visita o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey.
 
O Concello de Caldas de Reis, de onde era oriúndo o pai do científico homenaxeado, designou a Francisco José de Caldas fillo adoptivo no ano 2016, coincidindo co bicentenario da súa morte, e participa agora na conmemoración do seu nacemento.
 
Francisco José de Caldas foi un destacado científico ilustrado do Virreinato de Nova Granada.  Membro da expedición botánica que estudou e cartografou  os actuais territorios de Colombia e Ecuador, tamén foi director do primeiro observatorio astronómico de América, construído en Bogotá. Destacou polos seus traballos en materia de astronomía, física, xeografía e botánica.
 
A 39ª Conferencia Xeral da UNESCO, celebrada en París en novembro de 2017, acordou asociarse aos actos de conmemoración do 250 aniversario  do nacemento de Francisco José de Caldas, por tratarse dunha “personalidade de estatura xenuinamente universal” que permite reflectir “os ideais, valores e diversidade cultural da UNESCO”.

Imaxes relacionadas