Acordos da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 13-07-2018

 
A Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 13 de xullo de 2018, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso

 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 29452 (10/PNC-002343)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Salorio Porral, María Soraya e 6 máis
Sobre o impulso pola Xunta de Galicia dos cambios normativos necesarios para adaptar a limitación de potencia dos motores das embarcacións de recursos específicos ás necesidades da frota
BOPG n.º 296, do 25.04.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 0 votos en contra e 5 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a promover os cambios normativos necesarios para adecuar ás necesidades da frota a limitación de potencia dos motores das embarcacións de recursos específicos."
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 22248 (10/PNC-001807)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 5 máis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para garantir a igualdade nas prestacións entre o persoal que desenvolve as súas funcións no Servizo de Gardacostas, tanto estatutario coma externalizado
BOPG n.º 241, do 17.01.2018
 
Sométese a votación a transacción coa emenda do G.P. Popular de Galicia, doc. núm. 33409, e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a impulsar as seguintes medidas:
 
1.- Dirixirse ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social para que modifique a actual normativa en vigor de xeito que nas actividades que determinan a redución da idade mínima de xubilación e coeficientes redutores da Mariña Mercante se inclúan as embarcacións e buques de inspección, busca, salvamento e loita contra a contaminación adscritas ao servizo das administración públicas.
 
2.- Requirir a aplicación dos coeficientes redutores ao persoal estatutario que desenvolve labores de inspección, salvamento e loita contra a contaminación a bordo de embarcacións da Administración, con carácter retroactivo, de acordo aos criterios da Mariña Mercante establecidos no Real Decreto 1311/2007, de 5 de decembro e da Circular núm. 4/2017 de aplicación dos coeficientes redutores da idade de xubilación no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, acorde coas competencias e funcións que desempeñan."

- 30710 (10/PNC-002468)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 5 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coa defensa dos dereitos dos mariñeiros galegos que traballaron en buques de Noruega a percibir dese estado as súas pensións de xubilación
BOPG n.º 305, do 16.05.2018
 
Sométese a votación a transacción coa emenda do G.P. dos Socialistas de Galicia, doc. núm. 33406, e resulta aprobada pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a dirixirse ao Goberno español en demanda de:
 
- Que adopte as medidas legais que corresponda ao amparo do Convenio Europeo de Dereitos Humanos e do Regulamento do Tribunal Europeo de Dereitos contra o Reino de Noruega ("Demanda Interestatal" e/ou intervención como terceira parte en "Demanda Individual”), que está incumprindo o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, ao vulnerar a prohibición de discriminación por razón de nacionalidade por ter esixido a residencia para a inclusión no sistema noruego de seguridade social aos mariñeiros galegos embarcados en buques deste país, requisito que, polo contrario, non se esixía aos nacionais noruegos empregados nos mesmos barcos, sen xustificación obxectiva e razoable para isto.
- Que tanto se adopta a medida de interposición dunha "Demanda Interestatal" como da e/ou intervención como terceira parte en "Demanda Individual", o faga en función dos intereses e das necesidades que manifesten os traballadores do mar da asociación Long Hope, que xa están litigando na actualidade contra o Reino de Noruega deste Estado membro do Consello de Europa para esgotar a vía interna antes de acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
- Que inicie ao mesmo tempo una negociación real, inmediata e directa co Reino de Noruega para alcanzar un acordo que permita poñer fin satisfactoriamente á situación de desprotección social na que se atopan os mariñeiros emigrantes en buques de Noruega.
 
O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a apoiar técnica e económicamente aos mariñeiros galegos afectados nas súas demandas ante os tribunais de Noruega na defensa dos seus intereses e dereitos, sempre que o soliciten."

Imaxes relacionadas