Acordo da Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, celebrada o 12-07-2018

A Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 12 de xullo de 2018, adoptou o seguinte acordo:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
- 32902 (10/PNC-002690)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Vilán Lorenzo, Patricia e 4 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co disposto na disposición adicional segunda da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero
BOPG n.º 331, do 04.07.2018
 
Sométese a votación por puntos a transacción coa emenda do G.P. Popular de Galicia, doc. 33365, cos resultados seguintes:
 
Puntos 1, 2 e 4, rexeitados por 5 votos a favor, 7 votos en contra e 0 abstencións.
 
Puntos 3 e 5, aprobados pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado, con modificacións respecto do texto orixinal, é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia, en cumprimento do disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, ao seguinte:
 
1. A dirixirse ao Goberno Central para que polos distintos departamentos ministeriais competentes na materia se reestruturen os protocolos para que a valoración do risco de novas agresións e do risco vital complementen as valoracións dos Corpos e Forzas de Seguridade coas informacións das Unidades de Valoración Forense Integral, os centros de saúde, Centros da Muller ou Servizos Sociais, entre outros.
 
2. Establecer plans formativos para a especialización prioritaria dos profesionais das UVFI."
 
 
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2018

Imaxes relacionadas