A Cámara galega patrocinará a participación dos gañadores do Parlamento Xove nun certame de ámbito estatal que se celebrará no Senado

 
• O vicepresidente do Parlamento, Diego Calvo, participou na clausura, este mediodía, do  Parlamento Xove 2018, iniciativa que “contribúe a consolidar os valores democráticos, imprescindibles para facilitar a convivencia”

Santiago 5 de maio de 2018.- O equipo gañador da categoría de ESO da actual e de futuras edicións do certame Parlamento Xove poderá participar, co patrocinio da Cámara galega, nunha competición de ámbito estatal organizada no seo da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (COPREPA) e que se celebrará no Senado en datas próximas. Así o anunciou o vicepresidente da Cámara Galega, Diego Calvo Pouso, este mediodía, na clausura de Parlamento Xove 2018, organizado pola Consellería de Política Social da Xunta.
 
Calvo Pouso felicitou a todos os participantes e gañadores deste certame no que, “como no deporte, e como case todo na vida, o importante é participar, afrontar calquera reto con interese, sen escatimar esforzos”. Agregou que desde o Parlamento de Galicia “colaboramos encantados” na organización deste programa, porque “permite avanzar no compromiso de abrir o Parlamento á sociedade”, ao tempo que “contribúe a consolidar os valores democráticos, imprescindibles para facilitar a convivencia”.
 
Diego Calvo felicitou tamén aos organizadores de Parlamento Xove 2018 por incluír, entre os temas de debate da fase clasificatoria,  a educación ambiental nos centros educativos e a súa posible incidencia na prevención de incendios forestais. Ao seu xuízo, “é evidente que o monte non arde el solo” polo que “con independencia dos dispositivos que se podan habilitar, resulta ineludible unha actitude vixiante fronte aos delincuentes que atacan o monte, sempre ao carón dun rexeitamento social absoluto”.
 
O acto foi clausurado polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e contou tamén coa participación de deputados e deputadas.
 
Gañadores
 
Equipo campión de Parlamento Xove 2018 na categoría de ESO:
• Colexio Plurilingüe San José-FEC, de Lugo.
 
Equipo subcampión de Parlamento Xove 2018 na categoría de ESO:
• Colexio Maristas Inmaculada, de Lugo.
 
Equipo campión de Parlamento Xove 2018 na categoría de Bacharelato:
• IES de Becerreá.
 
Equipo subcampión de Parlamento Xove 2018 na categoría de bacharelato:
• Colexio SEK-Atlántico, de Poio.
 
Mellores oradores no Parlamento Xove 2018, categoría de ESO:
• Almudena Mesejo Gondar (CPR Plurilingüe Sagrada Familia, de Vilagarcía)
• Yago José Cabrera Díaz (CPR Maristas Inmaculada, de Lugo).
• Paula Parente Castedo (Colexio Plurilingüe San José-FEC, de Lugo).
• Manuel Kevin Campos Pérez (IES A Xunqueira II, de Pontevedra).
 
Mellores oradores no Parlamento Xove 2018, categoría de Bacharelato:
• Saúl Corredoira Rodríguez (Colexio Plurilingüe San José-FEC, de Lugo).
• Silvia López Soto (IES de Becerreá).
• Xoel Rodríguez Pou (IERS de Becerreá).
• Elena Bengoa Fernández (Colexio La Salle, de Santiago).
• Sabrina Pérez López (IES A Pinguela, de Monforte).
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas