Acordos da Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, celebrada o 3 de maio de 2018

 
A Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, na súa sesión do 3 de maio de 2018, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 28178 (10/PNC-002208)
Grupo Parlamentario de En Marea
Cal Ogando, Marcos e Sánchez García, Antón
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para o fomento do uso da bicicleta como medio de desprazamento alternativo aos vehículos de motor co obxecto de contribuír á loita contra o cambio climático e a mellora da saúde dos cidadáns
BOPG n.º 284, do 27.03.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego, dentro da potenciación dos desprazamentos alternativos aos vehículos a motor, a loita contra o cambio climático e a mellora da saúde dos cidadáns,
 
1. Declara a vontade de instalar un aparcadoiro de bicicletas no Parlamento de Galicia
 
2. e insta á Xunta de Galicia a que inicie un estudo para instalar aparcadoiros de bicicletas nos edificios públicos da súa titularidade para visitantes e empregados."
 
- 28193 (10/PNC-002210)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Vilán Lorenzo, Patricia e 3 máis
Sobre as actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia para tramitar as obras de reparación e contención nas zonas da praia da Lamiña e O Codesal, no concello da Guarda, para evitar maiores prexuízos pola deterioración da liña de costa na ribeira española do esteiro do Miño e solicitar un informe técnico ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas
BOPG n.º 284, do 27.03.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado un informe técnico ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) e, de acordo con ese informe, que leve a cabo no 2018 as obras de reparación e contención nas zonas da Praia da Lamiña e o Codesal no concello de A Guarda."
 
- 29450 (10/PNC-002342)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez Barreira, María Julia e 6 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central en relación coa eliminación con carácter prioritario polo Adif dos pasos a nivel que conten cun maior tránsito de persoas e vehículos, nomeadamente na cidade de Monforte de Lemos, así como o reforzo, namentres, dos seus sistemas de seguridade para garantir un tránsito viario, ferroviario e peonil seguro
BOPG n.º 296, do 25.04.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno do Estado que o Adif priorice a eliminación dos pasos a nivel que conten cun maior tránsito de vehículos e persoas, nomeadamente na cidade de Monforte, no conxunto dos que se ten previsto eliminar nos próximos anos.
 
E a que en tanto estes pasos non sexan eliminados, se reforcen os sistemas de seguridade de que están dotados, especialmente naqueles que contan cun maior tránsito de vehículos e persoas -como é o paso a nivel da Florida-, a fin de garantir a seguridade do tránsito viario, ferroviario e mesmo peonil.
 
O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para que realice un estudo para a modernización da liña ferroviaria Ourense-Lugo no que se preste especial atención á eliminación dos pasos a nivel."

Imaxes relacionadas