Declaración Institucional do Parlamento de Galicia con motivo da celebración do Día Mundial da Síndrome de Down

Hoxe, 21 de marzo, ao celebrar o Día Mundial da Síndrome de Down, o Parlamento de Galicia súmase á petición da Asemblea Xeral das Nacións Unidas de cara a incrementar a concienciación pública respecto á realidade e ás necesidades das persoas con esta alteración xenética.
 
O Parlamento de Galicia anima ao conxunto das institucións públicas, entidades e organizacións privadas e á sociedade civil en xeral a esforzarse de cara mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down, nomeadamente en materia de atención á saúde, atención temperá, ensino inclusivo, inserción laboral, investigación, exercicio de dereitos, en especial garantir o seu dereito ao sufraxio,  e igualdade de oportunidades.
 
Recordamos que a esperanza de vida das persoas coa síndrome de Down se multiplicou practicamente por cinco desde comezos do século XX, un dato esperanzador que, ao tempo, certifica a enorme utilidade das medidas encamiñados a mellorar a calidade de vida destas persoas.
 
Con todo, e pese ás melloras rexistradas, segue resultando imprescindible apostar por medidas inclusivas, orientadas a facilitar a inserción laboral e a estimular a autonomía destas persoas, obxectivos para os que a blindaxe dos recursos públicos resulta determinante. Desde logo, a aposta deste Parlamento é firme e non terá marcha atrás.
 
O Parlamento de Galicia expresa o seu recoñecemento a todos os colectivos e organizacións que traballan no ámbito da atención e promoción das persoas coa síndrome de Down e insta ao conxunto da sociedade a implicarse activamente para superar hipotéticos prexuízos e vencer as disfuncións actuais.  

 
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2018

Imaxes relacionadas