FADEMGA Plena Inclusión e o Parlamento de Galicia colaborarán na integración de persoas con discapacidade intelectual

Santiago, 19 de marzo de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo presidente da Federación Galega de Asociacións a Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA Plena Inclusión Galicia), Eladio Fernández Pérez,  asinaron hoxe un convenio de colaboración orientado ao desenvolvemento de actividades conxuntas para a integración das persoas con discapacidade intelectual na Cámara galega.
 
Este documento fixa o marco xeral de colaboración entre as dúas entidades  para a realización de actividades  que faciliten a adaptación e o desenvolvemento das funcións que persoas con discapacidade intelectual puideran prestar na Administración do Parlamento de Galicia.
 
Entre as posibles medidas a desenvolver ao abeiro deste convenio figura a realización de cursos de formación específicos, o apoio no proceso de inserción e adaptación, o seguimento do desempeño da actividade laboral ou a realización de talleres prácticos para o intercambio de experiencias, dirixidos ao persoal que realice funcións de referencia.
 
O convenio asinado hoxe enmárcase na aposta do Parlamento de Galicia por contribuír á integración laboral das persoas con discapacidade. A sede do Parlamento de Galicia acolleu recentemente o primeiro exercicio do proceso selectivo convocado para a provisión dunha praza de uxier reservada para persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual. Ademais, unha das oito bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia está reservada para persoas con discapacidade intelectual.

Imaxes relacionadas