Pilar Rojo reitera que “as asambleas lexislativas estamos obrigadas a dar exemplo de austeridade ao conxunto dos cidadáns”


A presidenta do Parlamento de Galicia participou en Pescara (Italia) nun seminario sobre os desafíos da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE)
 
• Explica que Galicia foi pioneira na aplicación de  medidas de austeridade “co máximo rigor” que logo foron tomadas como “referencia noutros territorios do Estado”
 
• Aposta por un “esforzo pedagógico para explicar qué son e para qué sirven os parlamentos, dada a incomprensión e o descoñecemento que xeralmente nos rodea”
 
• Anima a afondar na aplicación do principio de subsidiariedade a través dos parlamentos rexionais
 
Santiago, 9 de decembro de 2010.- Na actual etapa de “profunda crise económica, pero tamén de crise de valores e de credibilidade das institucións, con independencia das necesarias medidas de axuste, cuio deseño e implantación corresponde ao poder executivo, as asambleas lexislativas estamos obrigadas a dar exemplo de austeridade ante o conxunto dos cidadáns”, afirmou esta tarde a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, durante a súa intervención nun seminario internacional que se celebra en Pescara (Italia).
 
Rojo Noguera recordou que “en Galicia temos aplicado esta filosofía co máximo rigor” a través dun “programa de austeridade en todos os ámbitos, que foi tomado como referente noutros territorios do Estado”.
 
No ámbito específico do Parlamento de Galicia, a titular da Cámara lembrou que nada máis asumir esta responsabilidade  implantou un plan de axuste que permitiu recortar  o presuposto da institución preto dun 10%, con recortes en áreas “non vitais”, como persoal de confianza, reducción do gasto corrente, supresión de obras superfluas e actos sociais. 
 
Todo iso, acompañado dunha reducción salarial do 5% para o persoal da Cámara, dun 10% para deputados, do 12% para portavoces dos grupos parlamentarios e membros da Mesa, e do 15% para a presidenta.
 
Necesidade dun esforzo pedagóxico
 
Con todo, e máis aló dos recortes enumerados,
“absolutamente esenciais se aspiramos a ser e actuar como auténticos representantes dos cidadáns”, a presidenta do Parlamento de Galicia tamén estima preciso un “esforzo pedagóxico para explicar qué son e para qué sirven os parlamentos, dada a incomprensión e o descoñecemento  que xeralmente nos rodea”.
 
Por iso, “do mesmo xeito que no noso entorno se implantan estratexias de alfabetización dixital para entrenar as destrezas  das persoas no uso das tecnoloxías da información, sería conveniente desenvolver medidas de alfabetización institucional  encamiñadas a dar a coñecer  o funcionamento do sistema democrático sobre o que se sustentan as nosas sociedades”.
 
Vixencia dos valores europeos
 
Durante a súa intervención no seminario sobre os desafíos da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), ao que foi convidada polo presidente do Consello Rexional dos Abruzzos e actual presidente da CALRE, Nazario Pagano, a presidenta da Cámara galega raclamou a vixencia dos valores europeos, “fundamentais para saír da crise”.
 
Na súa opinión, “é o momento de reafirmar o parlamentarismo, o valor da asambleas lexislativas como instrumento para o debate, a transacción e, en definitiva, a lexitimación da toma de decisións na resolución dos asuntos públicos”.
 
Subsidiariedade desde os parlamentos rexionais
Ademais, a proximidade dos parlamentos rexionais ás persoas que representan supón, a xuízo de Rojo Noguera, unha oportunidade para a aplicación do principio de subsidiariedade, que aboga por garantir que a toma de decisións se afectúe nos ámbitos máis próximos aos cidadáns.
 
A titular do Lexislativo galego considera que “a CALRE debe reafirmar o seu papel como foro de comunicación e debate para parlamentos irmáns que viven e enriquecen as súas democracias nacionais e, por suposto, para posibilitar o intercambio de criterios e experiencias”. Tátase de lograr “que os traballos das cámaras parlamentarias autonómicas sexan positivos no proceso de implementación do principio de subsidiariedade en relación co trámite de aprobación da normativa da Unión Europea”.
 
Afondando nesta idea, Pilar Rojo afirmou que “a CALRE é o escenario axeitado para exercer o papel de guardián dos poderes rexionais e do valor da descentralización política, que son a esencia da diversidade histórica e participativa da Unión Europea desde a súa creación a mediados do século pasado”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 

Imaxes relacionadas