O presidente do Parlamento anima á sociedade civil a implicarse en apoio ao Museo do Pobo Galego


 
• Santalices Vieira participou este mediodía no acto institucional conmemorativo do 40 aniversario do Museo
 
• “Como galegos estamos moralmente obrigados a apoiar o Museo”
 
Santiago, 28 de outubro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, sinalou este mediodía que canda un “apoio institucional estable”, sería desexable unha maior implicación da sociedade civil en respaldo ao Museo do Pobo Galego, que hoxe celebrou un acto institucional conmemorativo do seu 40 aniversario.
 
Santalices Vieira puxo como exemplo o apoio que veñen brindando ao Museo os seus dous milleiros de socios e voluntarios actuais. “Como galegos estamos moralmente obrigados a apoiar o Museo do Pobo galego, unha obriga acentuada no caso das persoas que temos a honra de desempeñar responsabilidades públicas”, afirmou.
 
Catro décadas de cambio a mellor
 
Botando a vista atrás, o presidente do Parlamento recordou que as últimas catro décadas foron “un  tempo de cambio acelerado e de mudanza imparable, sempre para mellor, para o conxunto de España e, por suposto, para Galicia”.
 
Engadiu que durante este tempo “pechamos a porta, para sempre e sen traumas, a unha ditadura de infausta lembranza e, entre todos, fomos quen de dotarnos de institucións democráticas, e tamén dun modelo de autonomía política que, co tempo, se consolidou e converteu Galicia en modelo de estabilidade, responsabilidade e bo facer”.
 
Oportunidades de futuro
 
Santalices augurou tamén un futuro de novas oportunidades para o Museo do Pobo Galego, agradeceu o traballo de todo o equipo humano do centro e animou ao conxunto da sociedade galega aproveitar “todo o potencial que encerra esta institución”, á que cualificou como o “templo, por antonomasia, da antropoloxía galega”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas