Pilar Rojo anima aos mozos a coñecer as institucións democráticas e a interesarse pola política

 
A presidenta do Parlamento impartiu unha clase, no IES de Poio, na que explicou as orixes e o funcionamento do lexislativo galego
 
 
• Dentro da súa aposta por abrir as portas do Parlamento, a Cámara porá en servizo unha nova páxina web máis participativa e terá presenza nas redes sociais

Poio (Pontevedra), 1 de decembro de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, aproveitou a invitación do IES de Poio (Pontevedra) a impartir unha clase para animar aos máis novos a coñecer o funcionamento das institucións democráticas e, de paso, a interesarse pola política e participar nela.
 
Pilar Rojo lamentou que as institucións sobre as que se sustenta a vida política democrática “seguen sendo grandes descoñecidas para gran parte dos cidadáns”.
 
Agradeceu, por iso, a invitación que lle cursou o IES de Poio para impartir unha clase no marco das actividades organizadas nas datas previas á celebración do Día da Constitución e coincidindo co aniversario do referéndum do Estatuto de Autonomía de Galicia. 
 
Apuntou que superar esta carencia esixe un esforzo de todos, e moi especialmente dos políticos e do persoal docente “para que os que nun futuro próximo dirixiredes os designios  de Galicia e de España teñades un maior coñecemento do funcionamento e a organización do noso sistema institucional. E, por qué non, unha maior participación na vida pública”.
Nova web e redes sociais
 
A titular do Parlamento de Galicia reiterou a súa aposta por “abrir as portas” do Parlamento de Galicia no sentido máis amplo da expresión.
 
No marco desta estratexia, o Parlamento de Galicia porá en servicio, en datas próximas, una nova páxina web, máis participativa que a actual, ademais de dar o salto ás redes sociais para dar a coñecer o seu traballo entre o maior número posible de persoas.
 
Pilar Rojo explicou que buscaba unha charla distendida cos alumnos, con preguntas por parte destes. Para facer máis amena a actividade, a presidenta do Parlamento proxectou un documento audiovisual sobre a historia e o funcionamento da Cámara lexislativa galega para, despois dunha intervención final, dar paso a unha quenda de preguntas e comentarios.
 
Na quenda de preguntas, os alumnos interesáronse polos motivos que a levaron a participar na política, pola participación da muller na xestión pública ou pola posible reforma do Estatuto de Autonomía, entre outras cuestións.
 
Participaron nesta actividade arredor de 40 alumnos de segundo curso de bacharelato.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas