O Parlamento publica unha edición actualizada das Normas Institucionais de Galicia

• O manual recompila os textos consolidados e actualizados da Constitución e o Estatuto de Autonomía, xunto cunha decena de leis que configuran o marco institucional básico da Comunidade
 
• O presidente da Cámara presentou a obra, que responde á necesidade de contar cunha recompilación actualizada da lexislación básica de Galicia

Santiago, 3 de outubro de 2017.- Normas Institucionais de Galicia é o título dunha recompilación normativa publicada polo Parlamento de Galicia e presentada hoxe polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
O volume recompila os textos consolidados e actualizados da Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia, canda unha escolma selectiva das principais leis que configuran o marco institucional básico da Comunidade Autónoma (leis de fixación da sede das institucións autonómicas de Galicia; reguladora da Xunta e da súa presidencia; de normalización lingüística; de símbolos de Galicia; do Valedor do Pobo; do Consello de Contas; de eleccións ao Parlamento de Galicia; Regulamento do Parlamento de Galicia; de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia; e de transparencia e bo goberno).
 
Nun encontro con xornalistas, o presidente do Parlamento explicou que a publicación deste volume, que tamén será accesible en formato electrónico a través da web do Parlamento, responde á necesidade de contar cunha recompilación actualizada da lexislación básica de Galicia.
 
Promoción da lingua galega
 
A xuízo de Santalices Vieira, con esta obra acredítase, ademais, o compromiso da Cámara en materia de promoción da lingua galega, e do que tamén é boa proba outro proxecto, tamén liderado polo Parlamento, co apoio da Xunta e da USC, e consistente na primeira base de datos en liña en galego sobre o ordenamento xurídico vixente na Comunidade, o portal lex.gal.
 
Aínda que o libro está dirixido a un público amplo, Santalices amosouse convencido de que vai resultar especialmente útil  para os integrantes da Cámara, para o persoal da Administración autonómica e para os xornalistas.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas