Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 27 de setembro de 2017

5.2 11240 (10/PNP-001055)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Pierres López, María Luisa e tres deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para aumentar a convocatoria de concursos públicos de redacción de proxectos de arquitectura e urbanismo, así como propiciar fórmulas de participación dos profesionais novos e dos pequenos estudios
Publicación da iniciativa, BOPG nº 144, do 12.07.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que:
 
— Estableza convenios cos colexios profesionais dos campos da arquitectura, o urbanismo e a enxeñaría para promover e fomentar concursos de ideas, comprometéndose a un incremento progresivo deles ata acadar a porcentaxe do 20 %, sempre que sexa posible en atención ás actuacións que se executen, do total das contratacións de proxectos de arquitectura, urbanismo ou enxeñaría, no horizonte do ano 2020.
 
— Os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público adopten e poñan en práctica medidas de discriminación positiva nos procesos de contratación, que favorezan o acceso, ou a presenza, nas contratacións de proxectos e obra pública dos profesionais novos e novas, así como dos pequenos estudios de arquitectura.»
 
5.5 15393 (10/PNP-001208)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Antón Vilasánchez, María Ángeles e oito deputados/as máis
Sobre a demanda polo Goberno galego á Deputación Provincial da Coruña da creación dunha mesa de traballo cos concellos da provincia da Coruña percorridos polo Camiño inglés a Santiago de Compostela e a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía para a súa mellora
Publicación da iniciativa, BOPG nº 174, do 13.09.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia para que se dirixa á Deputación Provincial da Coruña para a creación da Mesa do Camiño de Santiago na provincia da Coruña, tal como xa foron constituídas nas outras provincias. Esta mesa establecerá logo a súa organización interna con especial atención ás rutas xacobeas que discorren integramente pola provincia da Coruña: o Camiño Inglés e a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía.»
 
5.7 16054 (10/PNP-001240)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e quince deputados/as máis
Sobre a realización pola Xunta de Galicia, en colaboración coas universidades galegas, dun estudo xurídico da posibilidade e mecanismos que permitan, respectando a legalidade vixente, incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, coñecidas como Pazo de Meirás, sen custo para a cidadanía galega.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG nº 174, do 13.09.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento insta a Xunta de Galicia a realizar un estudo xurídico, en colaboración coas universidades galegas, que analice a posibilidade e os mecanismos que, respectando a legalidade vixente, permitan incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, tamén coñecidas como Pazo de Meirás, actualmente en mans dos herdeiros legais de Francisco Franco, xefe do Estado español durante os 40 anos da Ditadura, e sen que a dita incorporación ao patrimonio público implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938.»
 
5.8 15666 (10/PNP-001223)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e cinco deputados/as máis
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación coa situación en que se atopan as autoescolas de Galicia a consecuencia do conflito laboral do persoal examinador de tráfico.
Publicación da iniciativa, BOPG nº 174, do 13.09.2017
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia acorda instar a Xunta de Galicia a:
 
— Avaliar, en diálogo cos sectores afectados, o impacto da crise derivada dos conflitos coa Dirección Xeral de Tráfico e a necesidade de impulsar medidas fiscais e económicas para evitar o peche de pequenas e medianas empresas e o despedimento de traballadores e traballadoras.
— Dirixirse ao Goberno Central para demandarlle a atención e negociación cos traballadores e traballadoras do persoal examinador de tráfico de cara a buscar un consenso.
— Demandar do Goberno central a transferencia das competencias en materia de tráfico e seguranza viaria.»
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas