Acordos da Comisión 8.ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 14 de febreiro de 2017

 
A Comisión 8.ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 14 de febreiro de 2017, adoptou os seguintes acordos:
 
 
Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 742 (10/PNC-000057)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel e 5 máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central do impulso da creación dunha lista de referencia na que as embarcacións amosen con carácter previo o seu interese en participar nas distintas pescarías dentro do plan de xestión do caladoiro nacional do Cantábrico e noroeste. (Procedemento de urxencia)
BOPG n.º 10, do 09.11.2016
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 1 votos en contra e 3 abstencións.
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central co obxecto de que impulse a creación dunha lista de referencia, de xeito similar á que xa existe para a flota do bonito, na que as embarcacións amosen con carácter previo o seu interese en participar nas distintas pesqueirías dentro do plan de xestión do Caladoiro Nacional Cantábrico e Noroeste."
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 2511 (10/PNC-000263)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro e 5 máis
Sobre o impulso pola Xunta de Galicia e polo Consello Galego de Pesca dunha análise da situación dos caladoiros, das exixencias en materia de descartes pesqueiros ou da posibilidade de reforma normativa europea como consecuencia do Brexit, destinada ao incremento das posibilidades de pesca
BOPG n.º 36, do 28.12.2016
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
Impulsar, en común co Consello Galego de Pesca, una análise particularizada da situación dos caladoiros, das novas esixencias en materia de descartes pesqueiros das ameazas en base á nova normativa de descartes e especies de estrangulamento, ou da oportunidade que se abre para reformar a ríxida normativa europea como consecuencia do Brexit, para verificar a posibilidade de incrementar as posibilidades de pesca á luz dos aumentos da biomasa das especies pesqueiras.
 
Solicitar do Goberno Español a transferencia de competencias dos servizos e funcións en materia de investigación oceanográfica, cos servizos, funcións, medios, recursos e persoal correspondentes aos centros costeiros do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, a Coruña, así como as correspondentes ao Instituto de Investigación Mariñas en Vigo."
 
- 3304 (10/PNC-000327)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Toja Suárez, María Dolores e 2 máis
Sobre a execución polo Goberno galego das obras de ampliación e mellora necesarias na lonxa da confraría de pescadores de Barallobre
BOPG n.º 53, do 26.01.2017
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a:
Que leve a cabo as obras necesarias na lonxa da confraría de Barallobre que garantan o traballo dos mariscadores e mariscadoras en condicións de dignidade e seguridade, incluíndo a construción de servizos adecuados con duchas, ampliando se fora preciso o espazo que hai na actualidade.
Retomar a construción no espazo de "Fondomar" de instalacións que permitan a mariñeiros e mariñeiras gardar os aparellos de pesca e marisqueo, e demais material que precisan, para desenvolver o seu traballo."

Imaxes relacionadas