Rodríguez Arias reclama ante o vicepresidente da Comisión Europea unha maior cooperación para a aplicación rexional dos fondos do Plan Juncker

 Participou, en representación da CALRE e xunto a representantes doutras organizacións rexionais e locais e do Comité das Rexións, nunha reunión co vicepresidente da Comisión no marco do denominado “diálogo estruturado”
 
• Tamén participou na Comisión de Política Económica do Comité das Rexións

Santiago, 22 de abril de 2016.- A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, participou esta mañá en Bruxelas, en representación da CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas), nunha reunión co vicepresidente da Comisión Europea e comisario de Emprego, Crecemento, Investimento e Competitividade, Jyrk Katainen, xunto con representantes das principais asociacións rexionais e locais europeas e do Comité das Rexións.
 
Esta reunión enmárcase no denominado “diálogo estruturado” que reúne periodicamente á Comisión Europea, o Comité das Rexións e as autoridades rexionais e locais como parte dos esforzos encamiñados a fortalecer as relacións entre a UE e os representantes das autoridades locais e rexionais.
 
Neste encontro, no que se tratou a implementación dos fondos europeos para investimentos estratéxicos a nivel rexional e local, Rodríguez Arias defendeu o papel dos parlamentos  da CALRE que, xunto cos gobernos rexionais,  están comprometidos na tarefa de “suprimir as disparidades do desenvolvemento, aumentar as oportunidades para o crecemento e a inclusión social dos cidadáns e fomentar a cohesión económica dos territorios”, no marco dunha planificación eficaz dos fondos europeos para investimentos estratéxicos.
 
A vicepresidenta da Cámara galega defendeu que as rexións “poden e deben desempeñar un importante papel na aplicación do Plan Juncker”, na aplicación rexional dos cales reclamou unha maior cooperación, co obxectivo de que os seus efectos se traduzan en melloras no emprego, o crecemento e o investimento.
 
Tomaron parte nese encontro, ademais, Karl-Heinz Lambertz, vicepresidente do Comité das Rexións; Lukas Mandl, presidente do  Comité de Asuntos Europeos do Parlamento da Baixa-Austria, como representante da Asemblea de Rexións Europeas (ARE); Pavel Branda, tenente de alcalde de Rádlo (República Checa), membro do Comité Executivo da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE);  Rogier Van Der Sande, ministro rexional da provincia de Holanda Meridional, como vicepresidente da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM); e Albert Bore, do Concello de Birmingham (Reino Unido), membro fundador de Eurocities.
 
Comisión de Política Económica do CdR
 
Posteriormente, Rodríguez Arias tomou parte na sesión da Comisión de Política Económica do Comité das Rexións, na que tamén comparecía o vicepresidente da CE e comisario de Emprego, Crecemento, Investimento e Competitividade, Jyrk Katainen. Neste caso, Rodríguez Arias reclamou o apoio dos diferentes programas financeiros da Comisión Europea para estimular o crecemento equilibrado dos distintos territorios que conforman a UE.
 
Rodríguez Arias, que tamén participou nesta sesión en representación do presidente da CALRE, considerou “fundamental” o apoio das institucións europeas para avanzar nun maior equilibrio entre as diferentes rexións europeas. Puxo como exemplo que “a CALRE integra territorios moi diversos; algúns son rexións insulares, outras montañosas, outras con baixa densidade de poboación, mesmo con poboación dispersa e envellecida”.
 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas