O Parlamento de Galicia participará nos 6 grupos de traballo cos que contará a CALRE desde agora


 
• A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, representou á Cámara galega nunha reunión do Comité Permanente da CALRE

Santiago, 20 de abril de 2016.-
A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, participou hoxe en Bruxelas no primeiro Comité Permanente da CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas) que, entre outras medidas, acordou os programas dos diferentes grupos de traballo da organización para este exercicio.
 
Durante 2016 a CALRE contará con 6 grupos de traballo: Subsidiariedade; Política de Cohesión; Democracia Interactiva; Inmigración, políticas sociais e dereitos humanos; Igualdade de xénero; e Unha mellor regulación e avaliación política. O Parlamento de Galicia formará parte de todos eles.
 
Na xuntanza de hoxe acordouse tamén, por unanimidade, a creación dunha plataforma dixital que permita o traballo en rede das diferentes asembleas rexionais integradas na CALRE e a elaboración dun boletín electrónico especializado.
 
Rodríguez Arias representou nesta xuntanza do Comité Permanente da CALRE ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que na actualidade ostenta a Vicepresidencia da Conferencia das Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas.
 
Ofrenda floral
 
A última hora da mañá, os participantes no Comité Permanente da CALRE efectuaron unha ofrenda floral, organizada polo Parlamento de Bruxelas Capital, na estación de metro de Maalbeck en memoria das vítimas dos atentados rexistrados recentemente na capital comunitaria.

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas