Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 13 de abril de 2016


 
4.1 39385 (09/PNP-002862)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Santalices Vieira, Miguel Ángel, e sete deputados/as máis
Sobre as actuacions que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación co Programa galego de detección precoz do carcinoma colorrectal
Publicación da iniciativa, BOPG nº 504, do 10.08.2015
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar co Programa galego de detección precoz do carcinoma colorrectal e a estendelo, de xeito progresivo, ás demais estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.»
 
4.4 46728 (09/PNP-003390)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
González Santín, Juan Carlos, e dous deputados/as máis
Sobre a demanda polo Goberno galego ao Goberno central da adopción das medidas necesarias para o mantemento da sustentabilidade do sistema da Seguridade Social
Publicación da iniciativa, BOPG nº 602, do 17.02.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a que se dirixa ao Goberno de España para que tome as medidas necesarias co fin de manter a sustentabilidade do sistema da Seguridade Social.»
 
4.5 46746 (09/PNP-003394)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Oubiña Solla, Rosa, e sete deputados/as máis
Sobre a elaboración pola Xunta de Galicia dun programa de inserción laboral para as mulleres vítimas de violencia de xénero
Publicación da iniciativa, BOPG nº 602, do 17.02.2016

O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar un programa de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero que conte coas seguintes actuacións:
 
1. Itinerario de inserción: que contemple un plan de acción personalizado para a busca de emprego, no que se inclúa orientación, asesoramento, acompañamento, seguimento e avaliación.
 
2. Formación para o emprego: accións formativas que teñan como finalidade adquirir competencias clave.
 
3.  Actuacións de apoio á conciliación: dirixidas a facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario de inserción socio-laboral ou en formación para o emprego.»
 
4.6 47728 (09/PNP-003468)
Grupo Parlamentario Mixto
Iglesias Sueiro, Carmen
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa atención e prevención da saúde bucodental no sistema sanitario público
Publicación da iniciativa, BOPG nº 609, do 02.03.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a estudar a viabilidade de ampliar a cobertura de saúde e prevención bucodental a toda a poboación adulta e a novos colectivos de persoas no sistema sanitario galego para financiar selaxes, limpezas e empastes e, especialmente, procesos patolóxicos que afectan a cavidade oral e que impliquen a perda de dentes relacionada directamente coa patoloxía ou o seu tratamento, presentando  os resultados dos estudos neste Parlamento.»
 
4.7 48696 (09/PNP-003541)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Adán Villamarín, María do Carme
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación coa súa participación na xestión das empresas públicas estatais integradas no sector naval galego e a demanda a Navantia da remisión do Plan industrial 2016-2020 presentado no seu consello de administración
Publicación da iniciativa, BOPG nº 623, do 30.03.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
• Dar cumprimento inmediato ao punto 1 do artigo 4º da Lei do sector naval de Galicia, que establece que “a Xunta de Galicia negociará co Estado a súa participación na xestión das empresas públicas estatais integradas no sector naval de Galicia que, pola súa natureza, non poidan ser obxecto de traspaso”.
 
• Demandar de Navantia información detalla sobre o plan industrial para os próximos anos, especialmente no que atinxe aos centros produtivos localizados en Galicia.»

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas