Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 16 de marzo de 2016

 
4.1 46932 (09/PNP-003403)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas en relación co proceso de regularización catastral que está a desenvolver en Galicia, así como as actuacións que debe levar a cabo ao respecto.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 602, do 17.02.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Solicitar unha moratoria do Ministerio de Facenda para que este proceso non se desenvolva sen ter suficientemente valoradas as peculiaridades e a idiosincrasia dos Concellos de Galicia. Que se modifique o Decreto 1020/93 no sentido de incluír un coeficiente de depreciación funcional (entre o 0,20 e o 0,80) para as edificacións destinadas a usos agrarios, extensible aínda que estas estean sen uso por cese de dita actividade.
 
2. Trasladar ao Ministerio de Facenda e ós Concellos a necesidade de que as explotacións agrarias e gandeiras galegas teñan exencións o máis amplas posibles na súa tributación. Do mesmo xeito que se aprobe unha bonificación potestativa no IBI do 95% para as construcións indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais.
 
3. A que se establezan fórmulas de colaboración a través da FEGAMP para prestarlles o asesoramento preciso aos Concellos de Galicia que o soliciten en relación as súas competencias normativas no IBI e as repercusión que estas poidan ter no seu ámbito financeiro e de equilibrio orzamentario.
 
4. A dirixirse ao Goberno Central que aprobe unha exención da taxa prevista no proceso de regularización catastral 2013-2016 a futuro e que devolva as xa ingresadas nos supostos que afecten ás construcións indispensable para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais”.

4.4 47381 (09/PNP-003442)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación coa consideración de Álvaro Cunqueiro como escritor franquista reflectida no informe solicitado polo Concello de Madrid a un grupo de expertos da Universidade Complutense para a eventual retirada do seu nome do rueiro municipal
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 606, do 24.02.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
 
1.- Trasladar á Alcaldía de Madrid a demanda de mantemento dunha rúa en memoria de Álvaro Cunqueiro no rueiro daquela cidade, tendo en conta que:
 
a) Trátase dun dos máis notables e singulares autores da literatura galega do século XX segundo apreciación unánime da crítica e das institucións académicas.
 
b) Non estar implicado na rebelión militar de 1936 nin en feitos militares ou represivos e, polo tanto, ser alleo á aplicación da normativa vixente en materia de símbolos ou conmemoracións (Artigo 15 da Lei 52/2007)
 
2.- A que informe ás institucións e entidades culturais de Galicia, así como ás entidades vinculadas coa figura do escritor mindoniense, da necesidade de honrar publicamente o traballo desenvolvido por intelectuais e creadores, como Álvaro Cunqueiro, que foron quen de levar a cabo un traballo de construción colectiva de Galicia en tempos políticos adversos.
 
En particular, solicitar do Consello da Cultura Galega a elaboración dun informe sobre a relevancia literaria de Álvaro Cunqueiro e o seu contributo á defensa e difusión da nosa lingua e cultura, para o seu traslado a todas as institucións públicas co obxecto de honrar a súa memoria”.
 
4.7 47696 (09/PNP-003465)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rodas Chapela, Daniel
Sobre o cambio destino por parte da Xunta de Galicia dos recursos consignados para a acuicultura intensiva nos orzamentos do ano 2016 a axudas para o sector do marisqueo, a miticultura ou a pesca artesanal
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 609, do 02.03.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a destinar os 18 millóns vinculados a acuicultura intensiva nos orzamentos do 2016 que pasen a ser axudas para o sector do marisqueo, miticultura ou pesca artesanal”.

4.8 47768 (09/PNP-003472)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Núñez Centeno, Aurelio Alfonso e 7 máis
Sobre a presentación por parte do Goberno galego, no Parlamento de Galicia, dos datos correspondentes ao Rexistro galego do infarto agudo de miocardio
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 609, do 02.03.2016
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a presentar, antes do remate do próximo mes de abril, os datos correspondentes ao rexistro galego de Infarto Agudo de Miocardio, as conclusións da Consellería de Sanidade en base aos mesmos, e as medidas oportunas que se precisen, en función dos resultados do REGALIAM, de mellora a atención das persoas enfermas de IAM, para o seu debate no Parlamento de Galicia”. 
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas