Declaración institucional do Parlamento de Galicia en defensa dos empregos afectados polo ERE de Tragsa e Tragsatec na Comunidade Autónoma de Galicia

O pasado 21 de xaneiro, a empresa pública Tragsa e a súa filial Tragsatec daban por finalizada a aplicación do ERE que viñan aplicando, de forma que este expediente afectou en toda España a 555 persoas, dos 1.336 despedimentos previstos inicialmente.

En Galicia, os despedimentos afectaron a 77 traballadores e traballadoras, o que representa un 32 % sobre o cadro de persoal fixo, establecido en 238 empregados, unha cifra alarmantemente alta. Entendendo que o ERE non pode afectar desta forma a nosa comunidade, e entendendo que as causas que o xustificaron xa non están vixentes, o Parlamento de Galicia insta á reincorporación dos traballadores da empresa na nosa comunidade afectados polo devandito ERE.

 
Neste sentido, o Parlamento Galego amosa o seu respaldo aos traballadores de Tragsa e Tragstec en Galicia, e insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España e á dirección das empresas para solicitar a readmisión dos 77 traballadores e traballadoras despedidos en Galicia, e a que inste a empresa a iniciar coa maior brevidade posible as negociacións necesarias cos representantes legais do cadro de persoal para dar fin ao conflito laboral creado, toda vez que as causas económicas, produtivas e organizativas que no seu día xustificaron o procedemento de despedimento colectivo se viron modificadas.
 
Santiago de Compostela, 23  de febreiro de 2016.

Imaxes relacionadas