Pilar Rojo lamenta o falecemento de Neira Vilas e destaca o "valor excepcional" da súa obra

 
* A Comisión 4ª, Educación e Cultura, gardou un minuto de silencio na memoria de Xosé Neira Vilas ao remate da sesión celebrada na mañá desde venres
 
Santiago, 27 de novembro de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, lamenta o falecemento do escritor Xosé Neira Vilas. A xuízo da presidenta da Cámara, Neira Vilas ocupará un sitial preferente na historia das letras galegas como autor da obra máis lida, editada e traducida da literatura galega, Memorias dun neno labrego.
 
"Toda a obra literaria de Neira Vilas ten un valor excepcional, pero Memorias dun neno labrego constitúe unha crónica de valor extraordinario sobre a realidade da Galicia rural nun tempo pretérito", afirma Pilar Rojo, ao tempo que destaca a contribución do escritor falecido á normalización da lingua galega e á posta en valor da cultura de Galicia.
 
Minuto de silencio
 
Por outra parte, os deputados e deputadas que participaron na reunión da Comisión 4ª, Educación e Cultura, do Parlamento de Galicia  gardaron un minuto de silencio na memoria de Xosé Neira Vilas ao remate da sesión celebrada na mañá desde venres, logo de coñecerse o falecemento do escritor.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas